O CNTG dará acollida a un seminario técnico sobre a normativa europea de datos en contornas Microsoft

xoves, 21 de novembro do 2013 Redacción

O mércores 11 de decembro, da man do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, celébrase neste mesmo emprazamento compostelán un seminario técnico sobre como afecta aos profesionais e ás organizacións a aplicación da nova normativa europea de protección de datos en contornos Microsoft. A cita desenvólvese no salón de actos do CNTG entre as 16.30 e as 20.30 horas. Segundo informan fontes do Centro, dado que o contido da normativa “acadará especial énfase nos vindeiros anos e implicará importantes novidades no ámbito de xestión, análise de riscos e documentación das infraestruturas”, o seminario ten como obxectivo achegar aos/ás asistentes, dunha maneira sinxela e práctica, como inciden nas redes Microsoft as novidades da normativa europea sobre protección de datos.
O relator da xornada será Genis Margarit Contel, membro da Asociación Profesional Española de Privacidad (APEP) e da comisión de seguridade do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións estatal. Genis Margarit é enxeñeiro de telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Catalunya, instrutor oficial dos fabricantes tecnolóxicos Microsoft, Cisco, Google e Asterisk e consultor TIC con máis de 15 anos de experiencia profesional.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

PUBLICIDADE