O CNTG acolle o día 20 unha xornada internacional sobre innovación aberta

martes, 14 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O CNTG acolle o día 20 unha xornada internacional sobre innovación aberta O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o edificio do barrio de Conxo de Santiago dende onde se promoven as vantaxes das ferramentas dixitais a tódolos niveis, vai dar acubillo o vindeiro 20 de xuño a un encontro divulgativo encamiñado a reflectir a importancia de traballar, en clave accesíbel e cooperativa, a prol da nosa economía tecnolóxico-dixital, da nosa economía en termos xerais, e da nosa sociedade por enteiro. A xornada, que dará comezo ás 10.00 horas no salón de actos do CNTG, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Innovación aberta, unha aposta polo crecemento de Galicia.
O encontro en cuestión, organizado pola Xunta, abrirase cunha intervención de Ricardo Capilla, director xeral de I+D, e seguirá logo co relatorio Innovar para crecer, a cargo de Xavier Marcet, fundador e conselleiro delegado de LTCproject. Máis tarde, arredor das 10.45 horas, será a quenda de Henry Chesbrough, profesor da Universidade de Berkeley e director da entidade internacional Open Innovation Center. Sobre as 11.30 está previsto un coloquio, e ás 12.00 horas, intervirá o concelleiro de Economía, Javier Guerra, quen procederá a dar por rematada a xornada. Máis tarde, segundo informa a organización, faráselles entrega aos asistentes do libro de Henry Chesbrough, Innovación de servizos abertos.

PUBLICIDADE