O CNTG acolle en maio un seminario sobre as ameazas ás tecnoloxías que achegan a voz vía Internet

martes, 23 de abril do 2013 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia segue adiante co seu programa de actividades formativas para os nosos profesionais dos ámbitos da informática, as telecomunicacións e outros sectores ligados ás TIC. Esta semana, o CNTG informou de que o vindeiro 8 de maio, de 10.00 a 13.30 horas, dará acubillo a un obradoiro sobre metodoloxías para protexer e salvagardar as comunicacións de voz a través de Internet, un ámbito en clara proxección grazas á optimización constante das condicións de accesibilidade da propia Internet e, tamén, dos servizos que permiten as ditas comunicacións. O seminario sobre seguridade en VoIP vén da man da propio CNTG e ten por obxectivo dar a coñecer os principais ataques e as posíbeis feblezas dos sistemas de voz, así como as medidas que poñemos pór en práctica para minimizar as ditas eivas.
O seminario, informa o CNTG, comezará cunha contextualización e fundamentación da relación que existe entre a tecnoloxía de VoIP (Voz sobre Protocolo de Internet) e as diversas arquitecturas de seguridade clásicas existentes nas redes corporativas actuais, “sendo obxecto de revisión os compoñentes fundamentais dunha arquitectura VoIP, os protocolos que interveñen e como se relacionan e cal sería o encaixe nunha arquitectura de seguridade perimetral”. A seguir exporanse aqueles riscos específicos da tecnoloxía VoIP que non poden ser abordados cun enfoque clásico de seguridade en redes, “establecendo un estado da arte das vulnerabilidades e ameazas máis relevantes”, engade o centro compostelán, que indica que para rematar, comentaranse exemplos de contramedidas para evitar estas situacións de perigo, así como medidas de deseño e boas prácticas.
Os relatores da xornada serán Javier Novoa e Jesús Pérez. Javier Novoa é doutor en Informática pola Universidade de A Coruña, onde é profesor do departamento TIC na área de Telemática e imparte as materias de Redes en Enxeñería Informática e Seguridade de Sistemas da Información no Máster de Enxeñería Informática. Javier Novoa é formador do Grupo Academia Postal para o programa Cisco Networking Academy dende o ano 2000, impartindo cursos de CCNA Discovery, CCNA Exploration, CCNA Security e CCNP. Posúe, entre outras, as certificacións de CCNA, CCAI, CCDA e CCNP.
Jesús Pérez Rubio traballa en I+D como enxeñeiro en VoIP e enxeñeiro de seguridade na empresa Quobis. Experto en diversos protocolos (SIP, RTP, ZRTP, WebRTC …), sistemas VoIP (Kamailio, FreeSWITCH, Asterisk …), linguaxes, seguridade (Metasploit, DoS/DDoS, test de intrusión VoIP, securización de infraestructuras, DNIe …) etc … ten publicado artigos sobre os Novos retos para a seguridade da rede VoIP.
O prazo de inscrición estará aberto dende o 22 de abril ao 7 de maio de 2013, pudendo formalizarse a través da web do CNTG. Esta sesión poderá ser seguida por videoconferencia a través das aulas da Rede CeMIT localizadas en A Coruña, Carballiño, Celanova, Lalín, Pontevedra, e Vilagarcía.

PUBLICIDADE