O CMG organiza unha cata de viños por videoconferencia

luns, 22 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Se quince anos atrás nos dixeran que algún día poderiamos falar con xente que está a máis de 10.000 Km de distancia como se estiveran na nosa mesma habitación, seguramente nos costaría un pouco facernos á idea; do mesmo xeito, se nos dixeran que se podería realizar unha cata de viños con persoas de toda Galicia a través de videoconferencia, a cousa aínda pintaría moito máis complicada de crer.
Pois ben, o Centro Multimedia de Galicia, con motivo da celebración da Festa do Viño de Chantada, vai facer posible esta “utopía”: vai levar a cabo, dende o Telecentro de Comunicación do municipio lugués, unha cata guiada, que poderá ser seguida dende o propio CMG en Santiago e dende outros seis Telecentros de Comunicación de toda Galicia.
Este evento, que se desenvolverá en horario de 20:00 a 22:00 horas, permitirá a participación de 229 persoas: 40 en cada un dos TC de Chantada, Catoira, Carballo e Tui; 28 no do Barco de Valdeorras; 16 no de Monforte de Lemos; 15 no de Oroso, e outras 10 desde o Centro Multimedia de Galicia.
A solicitude de praza poderase formalizar dende hoxe premendo na central en liña de reservas do CMG, e tódolos asistentes disporán do material necesario para a cata: cuspideira, caldos, copas… Desde o Telecentro de Comunicación chantadino, un enólogo será o encargado de abrir o acto e dar paso a unha cata guiada, na que todos os participantes, desde os distintos TC, poderán plantexar as súas dúbidas e experiencias, valéndose das vantaxes das novas tecnoloxías.