O CMG mostra por videoconferencia as curtametraxes gañadoras do Curtas na Rede

venres, 29 de agosto do 2008 Raquel Noya

O Centro Multimedia de Galicia vén de dar acollida a unha xornada de exhibición das curtametraxes gañadoras do concurso Curtas na Rede, onde algúns dos directores que se presentan á convocatoria deste ano, amosaron os seus traballos e contaron as anécdotas acaecidas no proceso de produción dos seus traballos.
Con esta iniciativa, o Consello da Xuventude de Galicia, entidade organizadora do concurso, únese á campaña de dinamización da rede de telecentros, Comunícate, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Comunicación nos distintos centros dependentes do CMG para dar a coñecer as posibilidades dos seus telecentros espallados por toda Galicia.
A través desta nova inciativa, búscase que os telecentros se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios.
A devandita xornada realizouse a través de videoconferencia cos telecentros de Abegondo, Boiro, Centro Social Lamas de Prado en Lugo, A Estrada, Verín e Redondela. Dende os mesmos, os asistentes puideron preguntar todo tipo de dúbidas e curiosidades aos directores das curtas que mostraron os seus traballos así como manter unha conversación en tempo real con eles.

PUBLICIDADE