O CMG deu comezo ó seu curso de balde sobre vídeo na Rede

luns, 15 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Centro Multimedia de Galicia segue cos seus obradorios tecnolóxicos de balde. Neste intre, dende este 15 de xaneiro e até o 8 de febreiro, está a organizar unha actividade que vai encamiñada a formar en novas linguaxes, plataformas e feituras ós creadores galegos de obras audiovisuais: o curso de vídeo na Rede.
Esta iniciativa de formación, que está organizada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual a través do dito Centro, desenvolverase na sede que este ten na rúa Horreo de Santiago e nos telecentros de comunicación que o CMG ten espallados por toda Galiza: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Boiro, Ribeira, Verín, A Estrada, Ponteareas e Redondela.
Este curso consta de 45 horas, das que unhas dedicaranse a titorías e outras á formación. No que se refire ás primeiras, “os alumnos poderán comunicarse co mestre a través de conferencia en liña ou chat e resolver todo tipo de dúbidas”, sinala a organización.
Nas sesións de tipo práctico, os alumnos elaborarán unha peza audiovisual que pendurarán logo na web audiovisualdegalicia.es do devandito departamento da Xunta. Os contidos do curso en xeral xirarán arredor destas cuestións: os cambios que xera a integración do vídeo na Web e, asemade, as transformacións que achegan as novas tecnoloxías ós procesos de produción e posprodución, á estética ou mesmo á propia linguaxe audiovisual.

PUBLICIDADE