O CLAG presenta un servizo para facilitar as achegas dos investidores ao noso audiovisual

mércores, 28 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

O Cluster do Audiovisual Galego centrou este mércores 28 a atención dos nosos profesionais do sector e de toda aquela xente que indirectamente participa nel (xente por exemplo do eido das novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións, ferramentas cada vez máis presentes no día a día dunha produtora ou distribuidora). O motivo de todo isto: a celebración do Foro O Escenario Dixital, organizado polo CLAG co obxectivo de facer visíbeis novos instrumentos de financiamento e novos escenarios para dar a coñecer e rendibilizar os nosos produtos.
Na xuntanza, que se desenvolveu ao longo da mañá deste mércores en Compostela, participaron uns 40 profesionais do eido dos contidos dixitais. O foro serviu tamén para dar a coñecer un servizo innovador do CLAG que permite “a maduración de proxectos e máis a captación de investidores privados, exclusivo para os socios do Cluster”. Este novo servizo serviralles de apoio ás propostas que veñan de iniciativas acabadas de chegar ou de empresas xa afianzadas, operando como unha xanela única, un recurso útil, para establecer contactos entre estas e os axentes que teñen investimentos que achegar.
Andrés Barbé, presidente do CLAG, subliñou na inauguración do encontro “a aposta decidida” que fai a organización que dirixe a prol da busca de novos escenarios e ferramentas de creación, distribución e promoción, “factor estratéxico para incrementar a competitividade das empresas que formamos a cadea de valor do sector audiovisual”. O foro tamén serviu para informar dos retos e potenciais que achega a transición ao escenario dixital e para solucionar as dúbidas acerca dos novos emprazamentos de financiamento: que datos precisa coñecer o investidor, como se traballa unha vez que o investimento se materializou, en que consisten os mecanismos de financiamento privado (redes de businessangels e capital risco) e o seu impacto no modelo de negocio, etc.
O foro, por certo, púidose seguir no Twitter e máis no Facebook. Amais do devandito, dicir que contou coa presenza de representantes do sector como Emilio Iglesias, xefe de área do Departamento de Telecomunicacións do CDTI; Javier Torremocha, fundador
de Kibo Ventures, e Rafael Rivera, socio-director de Iclaves. Ademais, Víctor López, CEO de Vodka Capital, e Ricardo Álvarez, director de Expansión de Netex Knowledge Factory, amosaron os casos de éxito empresarial das súas respectivas empresas.

PUBLICIDADE