O CLAG ofrece dous cursos de produción virtual e avanzada

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

Dende o Clúster Audiovisual Galego lembran que o prazo de solicitude de matrícula para os cursos Produción avanzada para produtores. Ferramentas técnicas, económicas e legais para a dirección e coordinación de produción en cine e televisión e Produción virtual. Unreal Engine e Aximmetry en entornos de plató virtual remata mañá, mércores 25 de outubro.
Engadir que as ditas accións formativas son promovidas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e contan co financiamento desta consellería, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Os cursos son de carácter profesional e gratuítos e están dirixidos a traballadores e traballadoras en activo, desempregadas e desempregados rexistrados como demandantes de emprego ou persoas autónomas. Os e as candidatas deben acreditar a súa condición de traballadores en activo e achegar un CV actualizado.
Indo por partes, o curso de Produción Avanzada para Produtores, está dirixido a profesionais da produción con interese por profundar e especializarse nas áreas de dirección de produción, coordinación de produción e cost control. O curso, con carácter modular, segue os parámetros do mercado actual, a cada un dos elementos clave para o desenvolvemento completo dunha produción: financiamento da obra e relación coa contabilidade empresarial; deseño e elaboración de orzamentos segundo as condición do proxecto; cost control, contabilidade e cashflow de produción; legalidade audiovisual; preparación, seguimento e xustificación de axudas públicas; e requisitos técnicos de imaxe e son relevantes para as entregas e determinantes para o fluxo de traballo da produción.
A duración do curso é de 60 horas, que se impartirán en liña, do 9 ao 26 de novembro, todos os xoves e venres de 16:30 a 20:30 horas, os sábados de 10 a 14h e de 16 a 20 horas, e os domingos de 10 a 14 horas.
A solicitude de matrícula pódese realizar no formulario habilitado ou no correo formacion@clag.es.
No programa pódense consultar os módulos de contidos dos que consta o curso e os profesionais que os impartirán.
En canto ao curso de Produción Virtual, sinalar que está encamiñado a profesionais audiovisuais interesados en dar o paso á xeración de contidos virtuais en tempo real e ao traballo en platós virtuais. Ao longo do curso farase un percorrido teórico-práctico polas principais características de Unreal Engine para producir contidos visuais en tempo real, tanto de maneira nativa como nun dos principais softwares broadcast, Aximmetry. Trataranse os aspectos visuais da ferramenta e farase unha introdución ao visual scripting con Blueprints para a creación de interactividades. Finalmente verase como aplicar todos estes coñecementos nun plató virtual real.
Este curso ten unha duración de 60 horas, que se impartirán do 6 ao 29 de novembro, de luns a xoves en horario de 16:30 a 20:30 horas, e inclúe sesións en liña do 6 ao 23 de novembro e prácticas presenciais en plató os días 27, 28 e 29 do mesmo mes.
A solicitude de matrícula pódese realizar no formulario habilitado ou no correo formacion@clag.es.
No programa pódense consultar os contidos dos que consta o curso e os profesionais que os impartirán.

PUBLICIDADE