O CLAG convoca ao audiovisual galego para amosar proxectos e buscar alianzas

mércores, 17 de outubro do 2012 Redacción

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de abrir o prazo de inscrición na sétima edición do encontro participativo e expositivo I+P Ideas para producir, que se celebrará o vindeiro 23 de novembro no edificio Ágora da Coruña. As empresas e os profesionais individuais do sector audiovisual que desexen participar nesta xornada de presentación de proxectos teñen de prazo para inscribir os seus traballos ata o día 31 de outubro. A xuntanza diríxese a reunir a empresas ou participantes individuais que procuren alianzas empresariais de cara á coprodución.
Por outra banda, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización. O CLAG organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas bilaterais en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello da Coruña.
Na xornada anterior ao evento, celebraranse diversas actividades que servirán para reflexionar sobre os beneficios que reportan as rodaxes nas cidades e as posibles estratexias de promoción e explotación existentes, como pode ser o turismo cinematográfico.
Os interesados en participar no I+P atoparán toda a información sobre esta xornada na páxina web do Clúster, xunto coa convocatoria máis o formulario de inscrición, que deberán remitir cuberto ata o día 31 de outubro.

PUBLICIDADE