O CLAG comeza o ano con formación tecnolóxico-audiovisual para os profesionais galegos

venres, 8 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago

Sentar o alicerce dunha formación audiovisual compartida e, polo tanto, aberta a máis posibilidades de medre. Este é un dos obxectivos do novo proxecto no que participa xa o Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG), que vai pór en marcha ao longo do primeiro trimestre deste ano que comeza un plan de formación para os profesionais da nosa terra sobre todo tipo de contidos técnicos: programación en televisión dixital, gravación e postprodución en HD, técnicas avanzadas en edicións e desenvolvemento de contidos para móbiles. Esta iniciativa, inserida nun programa de cooperación interrexional no que tamén participan Catalunya e Aragón, foi concretada coa sinatura dun convenio de colaboración coa directora xeral de Formación, Ana María Díaz, a través do que este departamento cede as instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) para a celebración destes cursos.
A maiores, a dita Dirección Xeral comprometeuse a achegarlle ao CLAG o apoio loxístico preciso para a difusión das actividades formativas e para a recepción das solicitudes de inscrición a través do portal web do CNTG.
O prazo de inscrición está xa aberto e rematará o día 5 de febreiro para o curso de gravación e posproducción en HD; o 16 de febreiro para o de contidos para móbiles; o 23 de febreiro para o de técnicas avanzadas de edición; e o 2 de marzo para o curso de programación en televisión dixital.
As accións formativas están organizadas polo CLAG e forman parte do Proxecto de formación audiovisual para PEMES. Este plan de formación está enmarcado nunha iniciativa de cooperación interrexional na que participan o Proxecto Universidade Empresa (PUE) - que integra á empresa privada e á Universitat Politècnica de Catalunya-, a Corporación Aragonesa de Televisión e o CLAG.

PUBLICIDADE