O CITIC volve achegar a súa colaboración na Olimpíada Informática Galega, a OIG

mércores, 10 de xaneiro do 2024 S. P.

Entre as entidades que colaboran na nova edición da OIG (Olimpíada Informática Galega 2024) atópase o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, que xa achegou a súa cooperación na anterior convocatoria desta importante proba de programación. A OIG abriu o prazo de inscrición para participar ata o xoves 18 de xaneiro. A competición consistirá en resolver seis problemas, normalmente sobre o deseño e automatización de algoritmos, utilizando C++, Python ou Java.
A convocatoria está destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio. O seu obxectivo é a promoción do coñecemento e das vocacións en informática. A organización pechou a preinscrición do certame con 20 participantes e abriu ata o día 18 a inscrición final, para a que quedan dispoñíbeis 16 prazas.
Os dous primeiros clasificados asistirán á XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo en Sevilla. As persoas gañadoras poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en setembro de 2024 en Exipto. Ademais, premiaranse os seguintes postos na clasificación, outorgarase o premio á mellor programadora feminina e ao mellor participante da ESO.
O certame, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración co CITIC e as tres universidades galegas (UDC, USC e Uvigo), terá lugar o vindeiro sábado 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense coa colaboración da Facultade de Informática da UDC e a Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC.
A OIG 2024 está patrocinada por entidades do sector TIC como Abanca, Baía Software, Agrupación industrial TIC de Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema.

PUBLICIDADE