O CITIC recunca no foro Transfiere amosando proxectos e procurando novas alianzas

xoves, 5 de febreiro do 2015 Redacción

Os vindeiros 11 e 12 de febreiro, o CITIC participará por terceiro ano consecutivo na cuarta edición de Transfiere, Foro Europeo para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Segundo apuntan fontes do centro tecnolóxico coruñés, o cometido será, unha vez máis, dar a coñecer as capacidades e proxectos de investigación do CITIC e pór en práctica a fórmula da transferencia de coñecemento (do CITIC ás empresas e dende estas, a xeito de feedback, de volta para o CITIC). “Durante dous días”, sinalan, “trataremos de buscar alianzas co sector empresarial que resulten en colaboracións estábeis sobre liñas de investigación de interese para o CITIC e a empresa, co obxectivo de facela máis innovadora e competitiva”.
Jesús M. Díaz, responsábel de Promoción Tecnolóxica do CITIC e representante deste en Transfiere, informa que un dos seus principais obxectivos é “facer chegar ao tecido produtivo e á sociedade os beneficios das investigacións do centro”. E engade: “A participación nestes foros é moi importante para dar a coñecer toda a nosa capacidade, as nosas 12 áreas tecnolóxicas e os traballos que realizan os máis de 250 investigadores adscritos ao CITIC”.
O centro coruñés tamén lembra que na pasada edición o foro logrou xuntar a máis de 1.800 profesionais, procedentes de 375 empresas líderes en I+D+i, 268 grupos de investigación e 52 universidades.
Por certo que a cuarta edición de Transfiere (en galego Transfire), vai ter máis presenza galega alén do CITIC. A cita contará entre os seus promotores co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e entre as entidades que van participar (amosando a través de xeiras de networking as súas investigacións) coas tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e máis co Instituto Tecnolóxico de Galicia, entre outros organismos e entidades. En total, procedentes de todos os recantos do Estado, participarán un total de 45 plataformas tecnolóxicas. Segundo informa a organización do evento, estamos ante a cita estatal de referencia en materia de transferencia tecnolóxica e investigación.
Haberá reunións de traballo, conferencias, obradoiros e espazos de networking. Ademais, estarán representados todos os sectores produtivos: novas tecnoloxías da información, agroalimentario, enerxía, industria, infraestrutura e transportes, medio ambiente, sanidade, administracións públicas e, por primeira vez, o sector aeronáutico e aeroespacial.
“A través da súa presenza en Transfiere 2015”, informaron os días pasados os responsábeis directos do evento (Concello de Málaga, Palacio de Congresos e Exposicións de Málaga) o foro aglutinará “toda a demanda de tecnoloxía e innovación dos diferentes sectores, polo que constitúe unha ferramenta única para investigadores e empresas”. A idea, a maiores, é acadar obxectivos e repercusión máis aló dos devanditos dous días de celebración. Ou sexa, que o que se pretende é lograr “unha vixencia permanente”. De feito, a través do seu comité debátense e avalíanse de continuo (antes e despois da celebración do foro) as tendencias da innovación en España, que despois acaban por reflectirse en detalle nos contidos do evento.

PUBLICIDADE