O CITIC recibe o Premio Nacional de Enxeñería Informática por Talentos Inclusivos

venres, 17 de marzo do 2023 S. P.

Este xoves 16 de marzo facíase entrega na Real Academia de Enxeñaría en Madrid por parte do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría de Informática de España do Premio Nacional na categoría Humanismo e Compromiso Social a Talentos Inclusivos, o programa colaborativo posto en marcha polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), e ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral de A Coruña).
Segundo o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, que recolleu onte o premio: “Talentos Inclusivos é un chamamento dobre. Por unha banda, ao talento e ás vocacións científicas no ámbito das TIC de estudantes de ESO e Bacharelato e, pola outra, á darlle visibilidade á discapacidade, atendendo algunhas demandas en materia tecnolóxica, neste caso particular ás das persoas usuarias de ASPACE Coruña”.
O programa Talentos Inclusivos é un proxecto posto en marcha polo CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña e que conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Innovación, a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Como novidade, durante este curso escolar, o proxecto, centralizado ata o de agora na provincia coruñesa, estendeuse a toda Galicia ao contar coa participación do alumnado de Ourense. As rapazas e rapaces (máis de 200 na edición 2022-2023) traballan xunto coas persoas usuarias de ASPACE Coruña para buscar solucións tecnolóxicas a necesidades tales como a fabricación dun pulsador para abrir a porta principal, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas ou xogos tradicionais adaptados.
Alén do CITIC os Premios Nacionais de Enxeñaría en Informática tamén quixeron recoñecer o traballo de Asunción Gómez-Pérez, vicerreitora da Universidade Politécnica de Madrid, recentemente elixida como Cadeira Q da Real Academia Española (RAE). Entre os seus méritos atópase o seu gran labor na adaptación da lingua española á intelixencia artificial. Tamén recibiu o galardón Mario Piattini, enxeñeiro informático, polo seu papel tan relevante na investigación na enxeñaría de software e de sistemas.
Pola súa banda, a app O meu #Cartafol Cidadán, levada a cabo polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital fíxose co galardón a Mellor Proxecto Público, mentres que o labor de ArcelorMittal foi merecedor do Mellor Proxecto Privado. Na categoría de Divulgación Dixital, Karina Gibert conseguiu o premio, mentres que o despacho de peritos informáticos de Eugenio Picón foi o gañador do premio Empresa Ética. Completa a listaxe de galardoados Conxi Pérez Andreu, que consegue o premio Emprendemento, persoa emprendedora, mentres que OK Ticket leva ese mesmo galardón na Modalidade de Empresa.

PUBLICIDADE