O CITIC presentou en Málaga un proxecto para dotar de telecomunicacións avanzadas ás infraestruturas do tren

xoves, 26 de febreiro do 2015 Redacción

Os días 11 e 12 de febreiro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) estivo presente en Transfiere (en galego Transfire), 4º Foro Europeo para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, celebrado en Málaga, presentando as capacidades e proxectos de investigación máis relevantes do Centro. Un deles foi o Proxecto TECRAIL, que persegue estudar a viabilidade das tecnoloxías LTE e a converxencia IP para proporcionar servizos de telecomunicacións sen fíos en contornas ferroviarias, de tal maneira que sexan aplicábeis á sinalización ferroviaria, a condución automática, as comunicacións embarcadas e as comunicacións tren-terra. Este proxecto viu a luz en outubro de 2011 e rematou en decembro do 2014.
Enmarcado dentro da convocatoria do Plan Avanza, detrás de TECRAIL atópase un consorcio formado por representantes da Administración -Adif e Metro de Madrid-, de empresas privadas -Alcatel e AT4Wireless- e, por suposto, do ámbito científico -Universidade da Coruña, Universidade Politécnica de Madrid e Universidade de Málaga-.
Segundo explica o CITIC ao fío dos achados que se deron a coñecer en Málaga (os seus porqués, os seus obxectivos), nos últimos anos as contornas ferroviarias transformáronse nunha área chave para o sector das Telecomunicacións. “Os grandes operadores levan anos tratando de facer contornas máis rendíbeis e eficientes”, sinalan fontes do centro, que engaden que “as características específicas que envolven a contorna ferroviaria fan que as tecnoloxías LTE non sexan directamente trasladábeis a este ámbito sen estar altamente probadas, dado que a seguridade é unha das consideracións máis importantes”.
Así, explica o CITIC, a necesidade de dotar aos trens dun sistema de comunicación sen fíos eficaz e seguro segue vixente, e a tendencia está a evolucionar do uso da tecnoloxía GSM-R cara ás tecnoloxías 4G. Que vantaxes presentan estas redes? Principalmente, maior velocidade e concorrencia de aplicacións móbiles, meirande calidade de vídeo e menor tempo de resposta que se traduza nunha mellora da interactividade.
En todo este contexto é onde entra en xogo o labor do CITIC, desenvolvendo un dispositivo hardware demostrador específico para a contorna ferroviaria que analiza as transmisións LTE e se estas son correctas ou non. Os datos capturados por este hardware procésanse para extraer métricas que permitan obter unhas conclusións acerca da calidade das tramas LTE recibidas. Luís Castedo, investigador principal da Área Tecnolóxica de Comunicacións Inalámbricas do CITIC, afirma que “deste xeito, o Proxecto TECRAIL poderá analizar a problemática, as situacións e as tecnoloxías, e traballar no desenvolvemento de solucións óptimas”. Todo iso sen esquecer que o obxectivo principal reside en proporcionar as comunicacións IP tren-centro de control coa calidade requirida polas novas necesidades en control e seguridade, como a condución automática.
O proxecto contemplou, desde o inicio, a realización de probas nunha contorna real en vía con equipamento embarcado en trens, co fin de demostrar a aplicación real das conclusións obtidas e avaliar os resultados tanto en contornas interurbanas como en ferrocarrís convencionais e de alta velocidade. As instalacións escollidas foron o Metro de Madrid e as novas instalacións de Adif no Centro de Tecnoloxías Ferroviarias de Málaga.
E os seguintes pasos?
Unha vez máis, o CITIC mantén a súa mirada en Europa e, neste caso concreto, en Shift2Rail, unha iniciativa enmarcada dentro de Horizonte 2020 que promove labores de investigación e innovación para a definición do novo papel que o ferrocarril ha de xogar en Europa.

PUBLICIDADE