O CITIC participou no proxecto que confirma un litoral libre de COVID-19

mércores, 6 de maio do 2020 S. P.

Co inicio da crise sanitaria e co obxectivo de estudar novos xeitos de combater a infección, a empresa pública coruñesa EDAR Bens SA puxo en marcha un proxecto de investigación para avaliar a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. A través deste estudo, no que participaron investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC), Ricardo Cao e Susana Ladra, determinouse que o material xenérico do virus, se ben foi posíbel detectalo e planta, elimínase nas augas residuais antes da súa saída ao mar. Grazas a este traballo no que participou o CITIC desbótase definitivamente o posíbel espallamento ambiental do virus no litoral coruñés.
O proxecto de investigación está a ser desenvolvido por un equipo multidisciplinar liderado pola investigadora do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Margarita Poza, e do que tamén forman parte o CHUAC, a UDC e o CICA.
O proxecto analiza distintos puntos da rede de sumidoiros para medir a incidencia do SARS-CoV-2 na poboación e predicir futuros brotes, a través da análise da carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora de Bens, xa que recolle datos de toda a poboación, incluíndo persoas que tivesen padecido a COVID-19 sen sabelo. Ademais, o mantemento da toma de mostras no tempo permitirá estar alerta ante posíbeis repuntes de coronavirus.
Ademais, o proxecto foi convidado a sumarse á rede europea NORMAN de investigación científica sobre augas residuais para colaborar nun estudo conxunto con plantas de tratamento de Francia, Noruega, Alemaña, Holanda, Eslovaquia, Suíza, Suecia, etc.

PUBLICIDADE