O CITIC participa na creación da primeira Escola Latinoamericana de Gaia

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

O Centro de Información en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) está a colaborar coa Universidade de Antioquía (Colombia), a primeira Escola Latinoamericana de Gaia, que se celebrará do 7 ao 11 de febreiro en formato híbrido. A finalidade deste proxecto conxunto é achegar ao alumnado de universidades latinoamericanas os coñecementos básicos das ferramentas precisas para facer uso científico dos datos da misión GAIA da Axencia Espacial Europea, na que tamén participa o CITIC.
Indo ao miolo, a escola está organizada en cinco xornadas nas que profesores e profesoras convidados impartirán conferencias e obradoiros de xeito remoto. Algúns dos investigadores presentes serán do CITIC: Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Marco Antonio Álvarez, Daniel Garabato e Guillermo Torralba que exporán conxuntamente a conferencia Intelixencia artificial, redes neuronais, métodos non supervisados: aplicación aos datos de Gaia, o 11 de febreiro.
Os temas a tratar neste encontro serán: servizos do observatorio virtual e ferramentas (Aladin, Topcat...); arquivo de Gaia, astrometría e fotometría con Gaia, espectroscopia con Gaia, Gaia-ESO, Apogee; Intelixencia Artificial, redes neuronais e métodos non supervisados.
Os requisitos para poder participar son: estar a cursar os últimos cursos do grao de Física, Astronomía, ou ciencias afíns; ter coñecementos básicos de astronomía observacional; dispoñer de computador persoal (portátil para as persoas que queiran asistir de xeito presencial) para poder realizar as actividades prácticas; e contar con coñecementos de Python a nivel intermedio.
Engadir que Gaia é unha misión da Axencia Espacial Europea que mide posicións, movementos, paralaxes e propiedades físicas de todos os obxectos até magnitude 20.7, incluíndo @estrella na nosa galaxia e galaxias próximas, obxectos menores do sistema solar, núcleos de galaxias afastados e quásares. A precisión das medidas e a gran cantidade de obxectos observados (máis de 1500 millóns) revolucionaron a nosa visión das estrelas e a Galaxia.

PUBLICIDADE