O CITIC e o grupo vasco Ulma sentan os alicerces de vindeiras colaboracións

martes, 10 de marzo do 2015 Redacción

As instalacións do CITIC veñen de recibir a visita de dous representantes do Grupo Ulma, en palabras do centro coruñés “un dos meirandes grupos empresarios do Norte de España, con máis de medio século de presenza no mercado e referente en sistemas industriais e prefabricados de construción”. A presenza dos profesionais do grupo vasco no centro tecnolóxico galego debeuse, informou o CITIC, á arela de establecer unhas bases de cooperación nas cales o coñecemento desenvolvido dende o centro galego “converteríase nunha vantaxe competitiva para a empresa”.
Lembrar que Ulma conta con máis de 4.000 empregados repartidos en máis de 80 países. Oito son as grandes áreas nas que se dividen os seus servizos, dende o eido agrícola até os sistemas avanzados para a embalaxe, pasando polo desenvolvemento de solucións arquitectónicas avanzadas e tecnoloxías para o carretado de mercadorías.
Ao fío da visita, Rafael Amasorrain, director de Promoción, e Jurgi Ugarte, técnico de Desenvolvemento de Negocios, reuníronse con Manuel F. González Penedo, coordinador do CITIC, e Carlos Escudero, investigador da área de Sistemas de Comunicacións Sen Fíos do centro galego. Durante o encontro, en palabras do CITIC “nun contexto eminentemente práctico”, abordáronse temas relacionados coa saúde, as comunicacións, o software embebido e a validación de software da división de Ulma Embedded Solutions. Analizáronse tamén os diferentes mecanismos de transferencia tecnolóxica aplicados nestes ámbitos e como artellar unha relación duradeira nalgún deles, “pondo o foco na aplicación das técnicas de visión artificial ao eido da saúde, unha área na que o CITIC conta cun gran nivel de experiencia avalado por varios proxectos de I+D xa realizados”, informouse.

PUBLICIDADE