O CITIC e o Clúster organizan este xoves unha xornada sobre o potencial de negocio das TIC intelixentes

mércores, 2 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

O CITIC vai subir esta semana un novo chanzo na súa intensa actividade de divulgación. Nesta liña informativa (complementaria da investigadora e consecuencia desta) é onde se insire a xornada técnica prevista para este xoves 3 de xullo, no propio edificio do centro tecnolóxico coruñés no campus de Elviña. O evento Tecnoloxías Intelixentes: aplicacións e oportunidades de negocio, organizado polo CITIC e mailo Clúster TIC Galicia, servirá entre outras cousas para amosar de primeira man o potencial das tecnoloxías intelixentes no eido empresarial.
Entre os proxectos que se van presentar ao longo da xornada figuran o proxecto inLOC para a localización de interiores (aproveitamento de infraestruturas alternativas aos sistemas GPS, para o seu uso en interiores, Wi-Fi principalmente pero tamén Bluetooth Low Energy ou Ultrawideband) ou o proxecto MiaSoft, do que xa temos falado en Código Cero e que consiste nun software integrado para o control e seguimento intelixente do Síndrome de Apneas/Hipopneas do Sono, analizando os sinais monitorizados en pacientes sometidos á polisomnografía nocturna.
Segundo informa a organización do evento, os investigadores do CITIC estarán dispoñíbeis para solucionar as dúbidas das persoas que estean interesadas nestas ou noutras iniciativas do centro tecnolóxico, presentando liñas de traballo e amosando as demostracións específicas.
Xa nun plano máis concreto, a xornada abrirase ás 11:00 horas da man de Sebastián Bamonde Rodríguez, coordinador do CITIC, e Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia. Segundo informa Bamonde Rodríguez, "para o CITIC este tipo de xornadas e encontros son fundamentais para presentar a axentes empresariais e administración as nosas capacidades en investigación TIC, e grazas a eles fomentamos a transferencia tecnolóxica, unha das misións principais do centro, facendo chegar os beneficios das nosas solucións á sociedade”.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, quen no marco da xornada impartirá o relatorio Demandas empresariais, sinala que para o Clúster TIC Galicia a transferencia tecnolóxica é un dos piares estratéxicos. "Con xornadas como a que agora organizamos co CITIC buscamos achegar aos nosos asociados os resultados de liñas de investigación que se desenvolven en Galicia, co fin de promover proxectos innovadores de vocación global, na liña que marca o programa europeo Horizonte 2020. Neste caso, ademais, é moi destacable o feito de que esta xornada teña carácter multidisciplinar, co que se poñerá en valor a capacidade das empresas TIC para contribuír á modernización doutros sectores da nosa economía," explica Del Corral.
Os proxectos do CITIC que se presentarán a través de demostracións prácticas serán os seguintes:
· Localización en interiores: proxecto LocYu: aproveitamento de infraestruturas alternativas aos sistemas GPS, para o seu uso en interiores, sobre todo WiFi pero sen esquecer Bluetooth Low Energy ou Ultrawideband.
· Vídeo sintético interactivo: syntheractive: sistema distribuído capaz de xerar vídeo sintético e codificalo en tempo real, facendo uso da potencia de cálculo dos procesadores gráficos de consumo e de optimizacións en movemento de información entre procesador central e procesador gráfico, para servir como infraestrutura de base para a definición de servizos interactivos masivos para a televisión dixital.
· Sistemas de recomendación e Big Data: proxecto FilmYou: motores de recomendación baseados en sofisticados algoritmos de filtrado colaborador capaz de xerar recomendacións personalizadas. O proxecto concreto que se presenta é unha plataforma distribuída de recomendación de películas.
· Monitorización intelixente aplicada á saúde: proxecto MIASOFT: software integrado para a monitorización intelixente da síndrome de apneas/hipopneas do sono, analizando os sinais monitorizados en pacientes sometidos á olisomnografía nocturna.
· SmartSocket - Enchufe intelixente que evita incendios e electrocucións: un enchufe que se controla remotamente e que está orientado á prevención de sobre-consumos e curtocircuítos. Monitoriza constantemente o consumo dos aparatos eléctricos conectados a el, podendo controlarse remotamente dende o móbil, tablet ou dende o PC.
· VGLiDAR - Visualizador de datos LiDAR: é un visualizador de datos LIDAR (Light Detection and Ranging ou Laser Imaging Detection and Ranging). A tecnoloxía LIDAR permite determinar a distancia dende un emisor láser a un obxecto ou superficie utilizando pulsos de láser. Utilizando esta tecnoloxía é posible obter unha nube de puntos do terreo escanear creando unha representación tridimensional deste.

PUBLICIDADE