O CITIC e Gradiant súmanse ao #EuQuedoNaCasa

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Os nosos centros de tecnoloxías da información están a aplicar no seu seo medidas de choque laborais contra o avance do COVID-19. E fano botando man dunha fórmula que xa hai anos que se aplica no seu seo: a fórmula do teletraballo a través das contornas virtuais. Dende a UVigo, o Centro Tecnolóxico Gradiant adheriuse a pasada semana á proclama xeral de evitar con desprazamentos laborais innecesarios o espallamento do coronavirus.
“Deter o avance do COVID-19 é unha necesidade e unha responsabilidade colectiva”, fixo saber Gradiant nun comunicado, avanzando que dende este luns o seu persoal ía “teletraballar para contribuír á seguridade de todas e todos”. Gradiant tamén tivo palabras de alento con respecto aos importantes esforzos que está a despregar o colectivo sanitario: “Grazas aos heroes con bata por estar sempre en primeira liña”.
Pola súa banda, o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña comunicou o peche das súas instalacións até novo aviso, unha medida que irá complementada “co traballo a distancia de todo o persoal do centro”, agás nos casos en que algún membro do equipo deba acudir ao seu posto habitual con carácter excepcional “para atender necesidades inaprazábeis”. O obxectivo do CITIC con estas e outras medidas de control e responsabilidade sanitaria é “velar pola seguridade e a protección do seu equipo, de acordo coa información, recomendacións e protocolos activados polo Goberno e a Xunta de Galicia”.

PUBLICIDADE