O CITIC crea escenarios personalizados de VR para mellorar o día a día das persoas con diversidades funcionais
venres, 10 de febreiro do 2023
O
CITIC da UDC, no
marco das celebracións do Día da Muller e da Nena na Ciencia,
presentou os detalles dun proxecto para desenvolver escenarios
personalizados de realidade virtual para mellorar o día a día das
persoas con diversidades funcionais e cognitivas. O proxecto,
desenvolvido polo doutorando Manuel Lagos, está liderado pola
investigadora do CITIC Thais Pousada, referente da investigación
galega e estatal impulsada polas mulleres.
O
obxectivo concreto, como dixemos, é favorecer a rehabilitación das
ditas persoas mediante o emprego de escenarios virtuais que permiten
a realización de diversas actividades da vida cotiá como cortar un
anaco de carne ou abrir a billa para encher unha xerra”. O proxecto
preséntase baixo o epígrafe Contornas personalizadas de
realidade virtual para a intervención con persoas con diversidade
funcional.
“Os
usuarios poden interactuar dentro da súa vivenda para levar a cabo
cuestións instrumentais básicas da vida cotiá como apartar unha
cadeira para sentar ou facer a compra no supermercado”, explica a
investigadora CITIC, quen sinala que este proxecto busca
“complementar as terapias habituais dunha maneira segura, amena e
motivadora”.
O
proxecto atópase en fase de desenvolvemento e os escenarios
realizados polo enxeñeiro informático e doutorando Manuel Lagos xa
foron probados por persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral
da Coruña (ADACECO). “Os resultados foron moi positivos, polo
diferente que é das terapias que realizan habitualmente e
permitíronnos axustar certas cuestións para a que a nosa aplicación
sexa o máis útil posible no futuro”, engade a investigadora, quen
sinala que esta ferramenta xerará un informe con diferentes datos de
interese para a avaliación do seu profesional sanitario, quen poderá
consultar cuestións tales como “o rango de movemento das mans ou o
tempo de duración de cada actividade, entre outras”. Ademais,
colaboran coas entidades COGAMI (a nivel galego) e COCEMFE Castela
León.
A
diferenza doutras aplicacións comerciais, o proxecto integra un
sistema Leap Motion, sistema óptico capaz de rastrexar o
movemento de mans e dedos da persoa usuarias sen necesidade de
mandos, o que mellora a inmersión nos escenarios.
Tecnoloxía
ao servizo das persoas
Thais
Pousada forma parte do cadro investigador do CTIC da UDC, no que tres
de cada dez investigadores son mulleres. Doutora en Ciencias da
Saúde, terapeuta ocupacional e enfermeira, a súa traxectoria sempre
estivo vinculada á mellora da calidade de vida e a saúde das
persoas mediante a resolución das súas necesidades aplicando o uso
da tecnoloxía para facilitar a realización de actividades no seu
día a día. A través do uso da impresora 3D e lentes de realidade virtual realiza diferentes investigacións encamiñadas a dar
resposta ás necesidades das persoas con características diversas.
“Un dos maiores beneficios de traballar con estas persoas é a
satisfacción de ver que o noso labor investigador repercute nunha
mellora da súa calidade de vida”, explica Thais Pousada, quen
anima ao alumnado, en especial as adolescentes, a achegarse a este
tipo de disciplinas universitarias e a desenvolver tamén as súas
carreiras profesionais nas mesmas, coincidindo coa conmemoración
deste 11F, Dia da Muller e da Nena na Ciencia.