O CITIC contribúe a predicir o risco de cardiotoxicidade en cancro de mama
martes, 7 de marzo do 2023
- Ana López, Beatriz Piñeiro e Ricardo Cao
Un
grupo de investigadores do CITIC da UDC vén de dar os primeiros
pasos nun proxecto que permite medir a probabilidade de padecer
cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente
cardiotóxicos. O proxecto ten o seu alicerce nun estudo levado a
cabo nun total de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña,
durante os anos 2007 e 2021. O principal obxectivo do traballo é
mellorar a calidade de vida das mulleres doentes e abrir novas vías
na medicina personalizada, amais de permitir que a investigación se
anticipe ás variábeis clínicas.
Segundo
explican fontes do Centro de Investigación TIC da Universidade da
Coruña, o de mama é o primeiro cancro entre a poboación feminina e
un dos de maior incidente en Galicia. Cada ano detéctanse na nosa
comunidade máis de 2.000 novos casos, segundo datos do Observatorio
contra o Cancro da AECC. Tendo en conta estes datos preocupantes, un
equipo de investigadores do CITIC da UDC vén de finalizar a primeira
fase dun estudo estatístico que mide a probabilidade de padecer
cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente
cardiotóxicos. O traballo é froito da colaboración con Alberto
Bouzas Mosquera e Cayetana Barbeito Caamaño, cardiólogos
pertencentes ao INIBIC.
“A
clave está en poder estimar, en función das variábeis clínicas
que obtemos a través de técnicas eco-cardiográficas denominadas
Doppler, a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, así como
coñecer o tempo que pode transcorrer ata que a paciente desenvolve a
doenza”, explica a investigadora do CITIC da UDC Beatriz Piñeiro
Lamas. Tema central da súa tese de doutoramento e de diversos
congresos científicos, o estudo rexistrou datos de 531 pacientes do
Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) durante os anos 2007 e
2021.
Medicina
de precisión coa máis precisa das ciencias
O
traballo co-dirixido desde o CITIC por Ricardo Cao e Ana López
Cheda, está encamiñado a abrir noticias e esperanzadoras vías no
eido da medicina oncolóxica personalizada a través das matemáticas,
“de maneira que poidamos responder a preguntas concretas como: cal
é a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, que factores poden
facer que esa probabilidade aumente, cal é o período de maior risco
ou que factores poden atrasar a aparición da cardiotoxicidade”,
sinala Beatriz Piñeiro.
“En
todos eles, medir a variábel tempo pode resultar esencial para ser
capaces de anticiparnos á enfermidade, co obxectivo de mellorar a
calidade de vida das pacientes”, conclúe a investigadora do CITIC.
Efectos
adversos dos fármacos
Segundo
explican, o trastuzumab é un dos tratamentos potencialmente
cardiotóxicos de uso común en quimioterapia que se adoita empregar
en cancro de mama. Pódese usar para tratar esta doenza en fase
inicial ou avanzada. Para ao redor do 20% das pacientes con cancro de
mama cuxos tumores sobre-expresan a proteína HER2, o uso de
trastuzumab (un anticorpo humano dirixido contra esta
proteína) é unha opción terapéutica importante para o tratamento
de casos metastásicos ou localmente avanzados. A disfunción
ventricular por trastuzumab adoita ser habitual. A súa
detección precoz mediante técnicas de imaxe (ecocardiogramas)
permite a modificación de protocolos terapéuticos e o inicio de
fármacos cardio-protectores que contrarresten o seu efecto negativo.
O uso avanzado da estatística ao comezo do tratamento con efecto
anticipativo, tal e como se presenta no traballo do CITIC, pode
converterse nun poderoso aliado na mellora da calidade de vida das
pacientes.