O CITIC celebrará o Día das Persoas con Discapacidade coa presentación do proxecto Talentos Inclusivos

mércores, 2 de decembro do 2020 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este xoves 3 de decembro, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha xornada de presentación de contribucións tecnolóxicas para derrubar obstáculos en materia de diversidade funcional. En concreto, presentarase o proxecto Talentos Inclusivos, que ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de Secundaria e Bacharelato e visualizar a problemática coa que se encontran no día a día os devanditos colectivos.
Segundo avanza o CITIC, o proxecto desenvólvese conxuntamente con ASPACE Coruña e conta co apoio do Consello Social da UDC. Esta iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco da Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
Así, a formación de grupos entre estudantes de instituto xunto con persoas usuarias de ASPACE Coruña, crea un espazo de traballo diverso e inclusivo co fin de resolver os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral, fomentando a unión de diferentes perfís para propoñer solucións tecnolóxicas innovadoras e aplicadas co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
No acto de peche participarán o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, o reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril. O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, e a xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, presentarán a iniciativa. Ademais, proxectarase un vídeo no que equipos de ASPACE proporán retos tecnolóxicos a resolver e os equipos de estudantes aceptarán o encomendamento.

PUBLICIDADE