O CITIC amosou en Bruxelas a súa experiencia no ámbito dos portos intelixentes

luns, 28 de novembro do 2016 Redacción

O pasado 28 de setembro, a Comisión Europea celebrou en Bruxelas un evento dirixido a convocar aos posíbeis candidatos (empresas, centros de I+D, universidades, administracións) con vistas á vindeira convocatoria europea de Horizonte 2020, o programa da EU para impulsar a investigación e a innovación até a devandita data. Falamos do encontro Smart, Green and Integrated Transport Info Day, unha xuntanza cuxo obxectivo concreto foi presentar e promover proxectos, así como fomentar a creación de consorcios no marco do Programa de Traballo de Transporte 2016/2017. Entre os participantes no evento atópase o Centro de Investigacións TIC da Coruña, o CITIC.
O CITIC puxo o foco na convocatoria The port of the future, grazas á intervención de Paula Fraga Lamas (investigadora especialista en tecnoloxías e comunicacións) e Lucía Ramos García (investigadora especialista en visión artificial e procesado de imaxes dixitais) en diversas reunións bilaterais. Nelas, deron a coñecer as capacidades e experiencia adquirida polo centro galego en diferentes proxectos de infraestruturas e servizos portuarios intelixentes (SmartPort) nos que participa, co obxecto de establecer novas liñas de colaboración.
Segundo engade o CITIC acerca da cita en Bruxelas, coa finalidade de promover a interacción entre participantes (e a xeración de posíbeis colaboracións futuras), diferentes organizacións tiveron a oportunidade de presentar as súas propostas de proxectos mediante unha breve presentación oral así como participar en reunións bilaterais. Entre os participantes atopábanse representantes de empresas, universidades e centros de investigación de toda Europa.
O evento foi organizado por ETNA 2020 (European Transport Network Alliance), ENN (Enterprise Europe Network) e INEA (Innovatoin and Networks Executive Agency) e as presentacións, gravación do evento e outra información de interese están dispoñíbeis na Rede para a súa visualización.

PUBLICIDADE