O CITIC acolleu a visita de Mar Barcón e José Ramón Gómez Besteiro

xoves, 7 de maio do 2015 Redacción

Onte as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), impulsado pola Universidade da Coruña e emprazado no Campus de Elviña, acolleron a visita de Mar Barcón, candidata do PSOE na devandita cidade galega, xunto ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Ambos foron recibidos polos representantes do CITIC, encabezados polo seu coordinador, Manuel G. Penedo, e puideron coñecer os máis de 3.000 metros cadrados dos que dispón o centro, ao servizo da Investigación e o Desenvolvemento e a creación de iniciativas con potencial de seren aplicábeis e rendíbeis no tecido produtivo (transferencia tecnolóxica).
Segundo informa o CITIC, durante a visita Barcón salientou o obxectivo do centro tecnolóxico de converter a innovación e a investigación en factores clave para o desenvolvemento económico da cidade e a súa contorna, a mellora na formación dos mozos e a súa posterior incorporación ao mercado laboral con empregos de calidade, “todo iso baixo o paraugas dun compromiso real coa Universidade”, fixo saber, ao tempo que recoñeceu o labor do CITIC como punto de unión e canle de colaboración entre os achados tecnolóxicos xurdidos na Universidade e o tecido empresarial.

PUBLICIDADE