O CITIC acollerá a segunda edición do encontro investigador Elas no prelo

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC acollerá o próximo 22 de setembro, ás 10.00 horas, o encontro investigador Elas no prelo II. Mulleres no mundo da edición na Galiza. Nesta cita, continuando coa liña de investigación iniciada en 2021, farase unha contribución á análise da participación das mulleres no mundo editorial galego. Este encontro enmárcase nos traballos ligados a un proxecto máis amplo titulado A edición literaria na Galiza, 1975-2000 (PID2020-119605RB-I00), coordinado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián.
Segundo explican fontes do centro tecnolóxico da Universidade da Coruña, o estudo do papel das mulleres nos proxectos editoriais da etapa comprendida entre o 1975 e o 2000 é un eido “pouco explorado, dadas as características da industria editorial, aínda que o seu traballo tivo unha grande relevancia e impacto”. Por isto, tendo en mente a elaboración dun primeiro catálogo de mulleres con actividade no sector, con este encontro búscase proxectar ao público este labor de visibilización do traballo das mulleres editoras e o seu papel no marco do espazo da industria cultural e do mundo editorial galego.

Programa
10:15-11:15 h. Presentación do proxecto A edición literaria na Galiza (1975-2000): avances e primeiros resultados con Carme Fernández P-Sanjulián (UDC) e Ánxela Lema (UDC/Universitat de Barcelona).
11:30- 13:30 h. Editar libros: tres experiencias en primeira persoa, moderado por: Iria Sobrino Freire (UDC)
Helena Pérez – Edicións Xerais
Ana Guerra – Editorial Obradoiro
Mª Xesús Gómez – Editorial Rodeira
13:30-15:00 h. Xantar
15:00-17:00 h. Sesión de traballo co equipo de investigación 

O equipo do proxecto A edición literaria na Galiza, 1975-2000 está formado por un grupo multidisciplinar de investigadoras/es da UDC: Iria Sobrino, Xosé Ramón Freixeiro, Ánxela Lema, Mª Obdulia Luis, Xoán L. Viñas, Inma Doval, Uxío-Breogán Diéguez e José Antonio Seijas, coordenados pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián (ILLA-UDC).

PUBLICIDADE