O CITIC achega as carreiras tecnolóxicas a máis dun cento de estudantes

martes, 18 de decembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC, CITIC, ao abeiro do seu obxectivo de achegar a ciencia á mocidade e espertar o talento que as rapazas e rapaces levan dentro, organizou o pasado mércores unha charla divulgativa. Nela participaron máis dun centenar de estudantes de primeiro e segundo de Bacharelato do IES Universidade Laboral da Coruña. Na cita, entre outras cousas, mostráronselles as investigacións e os proxectos máis salientábeis nos que está a traballar a comunidade científica do CITIC.
Na primeira parte da charla, Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC presentou as novas titulacións da Universidade da Coruña, como o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, para continuar cunha exposición de proxectos de I+D que se desenvolven no ámbito dos modelos e métodos estatísticos e matemáticos, unha das áreas de investigación do CITIC da UDC.
Na segunda metade da charla, Jesús Díaz, da área de transferencia do CITIC e profesor de matemáticas do IES Universidade Laboral, continuou a exposición falando das diferentes áreas tecnolóxicas do CITIC que conforman as liñas de investigación do centro. Expuxo diferentes proxectos do centro desde un punto de vista divulgativo trasladándolles aos alumnos conceptos como que é a visión artificial, a Intelixencia Artificial ou a análise de información masiva (Big Data).

PUBLICIDADE