O CITIC acada os 120 proxectos empresariais

xoves, 25 de xuño do 2015 Redacción

Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña

O CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, vén de chegar xa á liña dos 120 proxectos empresariais impulsados dende o seu seo e con innovación de seu. Así o deu a coñecer os días pasados a dirección do propio centro, posto en marcha dende a Universidade da Coruña en 2007, data dende a cal habilitáronse 11 grupos de investigación e participouse en 15 plans europeos (este ano participa en catro). Ademais, informou Jesús Diaz, responsábel de Promoción Tecnolóxica, o CITIC acubilla a día de hoxe dous centenares de investigadores adscritos ao algún dos seus 11 grupos de investigación.
A maiores, no reconto de fitos e éxitos achegados pola dirección do centro, inclúese o seguinte dato a ter en conta: as súas investigacións tecnolóxicas fixeron posíbel a posta en marcha de tres spin-offs, a solicitude de preto de 40 patentes e rexistros de software e a súa participación (como dixemos) nun total de quince proxectos europeos, concorrendo este ano a outros catro, sempre da man da Universidade da Coruña. Por sectores, salienta a bagaxe e o coñecemento xerados nos ámbitos do fogar dixital, as tecnoloxías para a localización e a navegación, as Cidades Intelixentes, a conectividade, a eSaúde ou o envellecemento activo, entre outros moitos eidos de actividade.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC) é un centro tecnolóxico singular impulsado pola Universidade da Coruña, co fin de promover o avance e a excelencia na investigación, desenvolvemento e innovación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e impulsar a transferencia de coñecementos e resultados á sociedade. O CITIC é un punto de encontro entre a universidade e a empresa no que se combinan departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. Na actualidade, no CITIC traballan en distintos proxectos de I+D arredor de 200 investigadores dos sectores público e privado, “formando un entorno mixto universidade-empresa que posibilita a colaboración e transferencia de coñecemento”, segundo explican fontes do centro.

PUBLICIDADE