O CITI equípase cun centro de cálculo de altas prestacións

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Redacción

Co obxectivo de favorecer o procesamento interno de datos, imprescindíbel para levar a cabo tarefas de complexidade (sen necesidade de recorrer por sistema a centros de supercomputación externos, co adiamento nos resultados que isto pode implicar), o CITI, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, vén de dotarse dun servidor de cálculo científico de altas prestacións. Trátase, segundo informan os seus responsábeis, dun centro de cálculo de prestacións intermedias, situado a medio camiño entre os supercomputadores e aqueles equipos que poidan ter empresas ou grupos de investigación. A tecnoloxía habilitada conta cun espazo de seu na planta piloto do CITI, e foi financiada con 278.239 euros (Ministerio de Economía e fondos FEDER).
“O obxectivo do proxecto é pór a disposición de grupos e empresas equipos de gran potencia de cálculo, tanto de CPU como GPU, capaces de xestionar grandes volumes de datos”, salienta Xosé Antón Vila Sobrino, director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación emprazado no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. Segundo engade, “os grupos que traballan en ámbitos como a bioinformática, a meteoroloxía, a física de partículas ou a computación gráfica, precisan manexar nas súas investigacións grandes volumes de datos ou realizar miles de millóns de operacións en cada experimento”. Neste tipo de tarefas e traballos, engade, viña sendo habitual acudir a equipos potentes e especializados, con grandes cantidades de memoria, alta capacidade de almacenamento ou de traballo en paralelo. Porén, o grande e crecente volume de usuarios que precisan acudir hoxe en día aos centros de supercomputación que acubillan estes grandes equipos de cálculo está a motivar que determinados grupos de investigación (como por exemplo os do CITI) se interesen por contar con infraestruturas de seu. De feito, a falta nestes supercomputadores de espazo de almacenamento permanente e a complexidade dos traballos de investigación actuais, “que poden requirir dun conxunto de recursos de cálculo e tempo de experimentación considerábeis”, provoca, en opinión de Vila Sobrino, “sobrecarga nas colas de traballo destes centros e limitacións na súa execución”.
O novo centro do CITI está dotado concretamente cun servidor de cálculo SIE Landon GPUs Rack; un servidor de arquivos SIE Ladon Haswell 72c, para o manexo de grandes arquivos en rack, e un servidor de virtualización e almacenamento en rack SIE Ladon IB E5-4600 40c. Con este equipamento, sinalan os seus impulsores, “búscase integrar potencia de cálculo, tanto de CPU como GPU; posibilidade de almacenamento de grandes cantidades de datos nos servidores de forma permanente; centralización asociada ao mantemento de equipos e mellora na xestión de usuarios, tanto en acceso lóxico como físico aos equipos”.
Os primeiros en beneficiarse desta nova infraestrutura serán os equipos de investigación do Campus de Ourense que apoiaron a proposta do proxecto, que son Ephyslab (Environmental Physics Laboratory); Grupo AA1 (Investigacións Agroalimentarias); Grupo SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración); Grupo LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada), Grupo de Termofísica e Grupo Mile (Biomedical Informátics and Signal Processing). Ademais, engade o director do CITI, poderán beneficiarse das súas prestacións grupos da Universidade de Vigo, empresas da Tecnópole, onde se empraza o CITI, e outras empresas e entidades interesadas.

PUBLICIDADE