O CIM de Vilagarcía incorpora un servizo de teletradución a 51 idiomas

xoves, 6 de setembro do 2012 Raquel Noya

A secretaria xeral de Igualdade asinou o convenio de adhesión do servizo de teletradución coa alcaldesa de Vilagarcía

O Centro de Información á Muller de Vilagarcía de Arousa (CIM), dirixido a atender persoalmente ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero inmigrantes que residen na comarca e arredores, vén de incorporar un servizo de teletradución a 51 idiomas, que permite mellorar a asistencia e o asesoramento que se lle viña ofrecendo a este colectivo ata o de agora.
Este novo servizo de teletradución, que ofrece sen custe engadido a Secretaría Xeral de Igualdade, xa se viña ofrecendo noutros 55 CIM galegos, e co de Vilagarcía pasan a ser 56 (dun total de 80) os Centros de Información que prestan atención ás mulleres estranxeiras en multitude de linguas.
A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, a cal está formada por mulleres inmigrantes residentes en Galicia que non falan as linguas oficiais do Estado nin as foráneas básicas como pode ser o inglés, o francés ou o italiano.
A través desta plataforma de teletradución, estas mulleres teñen a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico...
O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete desde calquera centro no que se atopen, e a través dunha chamada a tres, deixa que interactúen a usuaria, a persoa profesional encargada da entidade e a intérprete da lingua escollida.
Segundo informan dende a Secretaría, o chino mandarín, o árabe e o romanés foron os idiomas máis demandados durante o primeiro semestre nas entidades que xa contan con este servizo de atención multilingüe, e nese período foi utilizado por un total de 82 usuarias.
A Secretaría Xeral da Igualdade ofrece este servizo de teletradución aos CIMs, ás casas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que asisten a mulleres vítimas de trata ou de violencia de xénero, sendo un total de 67 entidades as que incorporan en Galicia este sistema.

PUBLICIDADE