O CIAR das Rozas consolídase no eido aeroespacial coas demostracións do proxecto Comp4Drones

xoves, 20 de outubro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) deu acollido este 20 de outubro a xornada de demostracións finais do proxecto europeo Comp4Drones, que está liderado por Indra e que conta coa participación de 49 empresas, universidades e centros tecnolóxicos de diferentes países europeos. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou na sesión, cualificando ao CIAR “como referente en Europa para probar tecnoloxías innovadoras con sistemas non tripulados”.
A xornada, que contou coa participación dos diferentes socios do proxecto Comp4Drones, constituíu unha oportunidade para poñer en valor as capacidades de Galicia no segmento dos sistemas non tripulados e, tamén, para consolidar o CIAR como infraestrutura tecnolóxica “única polo seu tamaño, especialización, equipamento e capacidade de crecemento para ensaios, experimentación e certificación de sistemas non tripulados en España”, destacou Argerey.
Socio estratéxico
Indra é un dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, onde desenvolveu tecnoloxías tan punteiras como o vehículo opcionalmente tripulado Targus, unha embarcación mariña non tripulada e un centro de misión para o control de operacións e recepción, procesado e monitoraxe de datos de sensores embarcados en plataformas non tripuladas. Ademais, Indra conta con instalacións propias no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas e está a desenvolver unha infraestrutura U-Space que ampliará as capacidades do CIAR.
A Xunta seleccionou recentemente tres novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D no Polo Aeroespacial de Galicia. Trátase de Airbus, Telespazio e Babcock, todas elas referentes internacionais no eido aeroespacial. A sinatura dos acordos de asociación coas tres empresas, que está previsto que se realice en breve, suporá o impulso de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados e a xeración de máis de 400 empregos de alta cualificación.
Comp4Drones é un proxecto coordinado por Indra e financiado pola Comisión Europea que ten por obxectivo proporcionar un marco de tecnoloxías clave para vehículos aéreos non tripulados seguros e autónomos. Desenvolveu aplicacións para impulsar o desenvolvemento e implantación dos drons nos eidos do transporte, a construción, a loxística, a inspección, a vixilancia e a agricultura.

PUBLICIDADE