O CHUS proba un sistema de formación para persoal de enfermería baseado en códigos QR

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

O pasado sábado a xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Mª Nieves Domínguez González, visitou o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para comprobar os avances da iniciativa piloto do Proxecto de Formación para Persoal de Enfermería con Mobilidade e Realidade Aumentada (programa Femora) que facilita o acceso a recursos educativos de xeito que os profesionais poidan ver no momento os que precisan no seu propio lugar de traballo.
Esta iniciativa está baseada en terminais móbiles e códigos QR que permiten solucionar as dúbidas máis frecuentes do persoal nos seus primeiros meses de traballo nunha determinada unidade, implantándose inicialmente o programa piloto na Unidade de Hemodiálese do CHUS, estando actualmente en estudo a súa extensión a outros centros e especialidades.
Este proxecto supón a colocación de distintos códigos QR repartidos polos distintos elementos do lugar de traballo, facilitando co seu escaneo información relacionada e un protocolo determinado, cunha redacción clara e con contidos multimedia no que texto, imaxes, vídeo e ligazóns conforman unha documentación de grande utilidade.
O sistema tamén inclúe un índice de procedementos, un buscador e información adicional sobre temas relacionados, como os residuos hospitalarios ou unha guía farmacoterapéutica.

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, na presentación do Proxecto de Formación para Persoal de Enfermería con Mobilidade e Realidade Aumentada (Proxecto Femora), no CHUS

PUBLICIDADE