O CESGA une forzas co Instituto de Matemática Industrial para darlle azos á transferencia de tecnoloxías

martes, 29 de outubro do 2013 Redacción

O CESGA e o ITMATI unen forzas para coller impulso. Así se fixo saber onte dende a sede do Centro de Supercomputación de Galicia, no Campus Sur de Santiago, onde se asinou oficialmente un acordo co Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial para dar pulo ás actividades de transferencia tecnolóxica á industria e ás administracións que se levan a cabo dende ámbolos dous centros. Como medidas inmediatas a tomar ao abeiro deste achegamento, poranse en marcha proxectos concretos que sirvan de combustíbel ao que se coñece neste ámbito como transferencia, que non é outra cousa que o fluxo de coñecementos e experiencias dende os eidos de investigación cara ás nosas empresas ou administracións, onde adquiren materialización de seu.
A cita de onte contou coa presenza do director da Axencia Galega de Innovación e presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Manuel Varela Rey, e o presidente do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco González García.
Amais do devandito, o acordo tamén contempla a cooperación en programas de formación de persoal xa sexa no sector empresarial, ou público; así como a participación conxunta en convocatorias competitivas de ámbito autonómico, estatal ou internacional. Do mesmo xeito, no ámbito desta colaboración entre ITMATI e CESGA organizaranse actividades relacionadas coa promoción social e empresarial da transferencia de tecnoloxía, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico; ou o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades.
Segundo salientou Manuel Varela, o impulso da transferencia de resultados da investigación á empresa co obxectivo de mellorar deste xeito a competitividade do tecido empresarial galego é un dos eixos da actuación da Axencia Galega de Innovación, que avanza neste eido a través de iniciativas como os contratos-programa cos centros de coñecemento non universitarios, ou convocatorias como o Innterconecta ou o Conecta PEME.
Lembrar, para quen non o saiba, que o consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (constituído en febreiro de 2013) vén da man das tres universidades galegas e ten como obxectivos promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión consiste en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no entorno industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación, e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria.

PUBLICIDADE