O CESGA traballa nun proxecto para favorecer entre a mocidade o estudo dos fenómenos naturais

venres, 8 de xaneiro do 2016 Redacción

Entre as iniciativas nas que traballa arestora o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) atópase o Proxecto PhenoloGIT, unha achega europea de investigación dirixida a materializar e avaliar un acubillo de información sen cancelas para afianzar nas escolas o estudo científico da súa contorna. Máis en detalle, PhenoloGIT fornece apoio a unha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) baseada en código aberto e estándares europeos INSPIRE que permita consolidar en Primaria e Secundaria a observación e investigación dos distintos fenómenos naturais, “así como a análise e o emprego de datos e estratexias de investigación sobre os mesmos nas aulas”, sinala o CESGA.
Segundo lembra o centro galego, a fenoloxía é unha disciplina que estuda os fenómenos biolóxicos que se presentan de maneira periódica axustados a ritmos estacionais e que teñen relación co clima (definición da axencia estatal AEMET). Facendo memoria, recordar que o rexistro das observacións sistemáticas destes fenómenos cíclicos comeza no século XVIII e presenta unha chea de aplicacións, por exemplo, en agronomía, ciencias naturais, saúde, loxística e, tamén, no seguimento dos efectos do cambio climático. Porén, cumpría a aplicación de recursos que evitasen ou minimizasen os esforzos despregados para o desenvolvemento dos rexistros manuais. Así, sinala o CESGA, a aparición e espallamento dos teléfonos móbiles e tabletas con GPS e cámara, unido á posibilidade de conectarlles sensores e outros complementos de medición, abarataron e simplificaron os procedementos.
Por certo que o centro galego é o principal socio tecnolóxico e impulsor da proposta PhenoloGIT, contribuíndo neste proxecto desde dúas das súas áreas, a de sistemas de información xeográfica e a de e-learning (aprendizaxe a distancia). O proxecto é coordinado pola Universidade de Plymouth (Gran Bretaña), e participa como socio tamén por parte galega, o CPI O Cruce de Cerceda. A universidade danesa VIA, así como o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe do Goberno lituano, completan o consorcio europeo. A proposta ten unha duración de 3 anos e está enmarcada na Convocatoria Erasmus da Comisión Europea.
Durante o ano vindeiro, o CESGA desenvolverá as ferramentas a utilizar, tanto aplicacións móbiles como todos os compoñentes do xeoportal onde se poderá realizar a visualización de datos. Para iso, explican dende o Centro de Supercomputación de Galicia, tirarase proveito de tecnoloxías abertas e estándares europeos “que garantan a posibilidade de utilización de recursos externos”. Por exemplo, capas de información proporcionadas polas axencias nacionais e autonómicas. Tamén se busca que as TIC sen cancelas faciliten o acceso aos datos de observación xerados polo propio proxecto a investigadores e axencias interesadas.

PUBLICIDADE