O CESGA traballa nun contorno virtual para familias con persoas con diversidade funcional

martes, 29 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A área de formación electrónica do CESGA traballa na implementación dun contorno virtual baseado en software libre enmarcado no proxecto de investigación Estudo e análise do impacto da utilización das TIC na atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias: Calidade de Vida e Autoxestión, que permitirá mellorar a comunicación entrafamiliar e entre familias e o equipo de psicólogos da Unidade Cínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista e Xerais do Desenvolvemento da Universidade de A Coruña.
O contorno tamén posibilitará o acceso a información e servizos personalizados de asistencia, consultoría e outros para as familias con persoas con diversidade funcional.
O proxecto de investigación e desenvolvemento está cofinanciado pola Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+i, e dotou a un grupo de familias con persoas con diversidade funcional de formación, equipamento informático e acceso á Internet de alta velocidade, de xeito que poden acceder a unha páxina web que está en fase de revisión e mellora por parte dos profesionais da UDC. A web tamén conta cunha parte pública que amosa información xeral sobre o proxecto, mentres que nos apartados restrinxidos os participantes na iniciativa poderán acceder a ferramentas de información e comunicación (chats, multiaudioconferencia, foros, taboleiros de novas...) dentro dun contorno de aplicacións orientadas á participación activa e enfocadas ós usuarios finais.

PUBLICIDADE