O CESGA traballa no desenvolvemento de aulas de informática na nube

martes, 15 de maio do 2012 Raquel Noya


O CESGA, en colaboración cos departamentos de Electrónica e Computación, e Física de Partículas da USC, está a desenvolver un proxecto pioneiro para a reciclaxe de recursos computacionais que leva por nome Formiga Cloud, e que permite sacarlle máis partido aos ordenadores das aulas de informática, usándoos de xeito compartido por varios usuarios.
Para o desenvolvemento desta solución, baseada en tecnoloxía na nube, foi preciso empregar algoritmos de planificación avanzados que inclúen técnicas de intelixencia artificial, polo que a entidade máis preparada para facelo non podía ser outra que o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que conta coa máis avanzada tecnoloxía para o cálculo integral.
O director do proxecto Formiga Cloud, Javier Cacheiro López, xustifica o desenvolvemento do mesmo pola necesidade do “reaproveitamento” de recursos computacionais existentes en moitas institucións como universidades, institutos, colexios, academias e diversos organismos públicos, “que dispoñen de aulas informáticas nas que se acumulan unha gran cantidade de computadores” e que, “dada a situación economica presente, atopan difícil adquirir novas plataformas de computación”, asegura.
Formiga Cloud permite utilizar mellor recursos computacionais existentes nas aulas de informática, facilitando tanto a realización de probas como a realización de simulacións científicas, empregando equipos remotos.
O proxecto, que inicialmente só buscaba aproveitar os recursos infrautilizados para darlle aos investigadores máis capacidade de cálculo, permitirá ademáis o aproveitamento da infraestrutura cloud para a realización de cursos e outros menesteres.
Con esta plataforma, o profesor ten moita máis flexibilidade á hora de configurar os equipos e crear a contorna axeitada para impartir unha asignatura calquera. O sistema permite despregar ordenadores virtuais no que os e as estudantes poderán modificar a interfaz na que están a realizar o curso, “sen medo a afectar á configuración da aula”, aseguran.
A este ordenador virtual, previamente creado polo profesor, será posible conectarse remotamente, non só dende as aulas de informática ou onde se teñan os equipos, senón tamén dende os ordenadores personais do alumnado.
Do mesmo xeito, o alumnado pode levar nos seus dispositivos de almacenamento unha copia do ordenador virtual e traballar con el no seu propio equipo.
Formiga Cloud permitirá ademais que alumnos situados en aulas que contan con equipos modestos, poidan realizar as súas prácticas de xeito doado sobre máquinas remotas máis potentes, sen necesidade de ter que cambiarse fisicamente de aula, aumentando deste xeito a reutilización dos recursos.
Desta maneira, en palabras de Cacheiro López, “tratamos de acadar o máximo retorno dos investimentos feitos nas aulas de informática”.

Cálculo científico nas aulas de informática
Os investigadores tamén poderán empregar o Formiga Cloud para acelerar a realización de simulacións científicas na nube. Como exemplo deste uso apuntan o caso da USC que só ela dispón de máis de 1.800 ordenadores, os cales poderán usarse de modo compartido para cursos e para realizar simulacións.
O primeiro prototipo do proxecto Formiga Cloud xa está dispoñible na Rede.