O CESGA reúne hoxe na Coruña a máis de 70 empresas para informalas do último en promoción dixital

xoves, 17 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Hoxe deu comezo na Coruña un evento dirixido a acurtar a distancia que separa a un bo número de empresas galegas das máis innovadoras metodoloxías de promoción e competitividade no mercado. O encontro, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ao abeiro dos proxectos Ichnos Plus e Evita, desenvólvase baixo o seguinte epígrafe: As 22 técnicas básicas do marketing dixital para emprendedores e empresas. O seminario en cuestión será impartido por Montserrat Peñarroya (fundadora de solostocks.com) e deu comezo ás 9.30 horas, estando previsto o seu remate para as 18.30 horas.
O emprazamento elixido foi o Hotel Attica 21. Na xornada, de asistencia gratuíta, participan máis de 70 pequenas e medianas empresas do noso país, xirando unha boa parte das temáticas a tratar arredor do posicionamento en Internet, a promoción nas redes, as ferramentas de apoio a emprendedores e empresas na Rede ou a teleformación. “Entre as técnicas do Marketing Dixital”, sinalan os técnicos do CESGA, “explicaranse técnicas que melloran a comunicación online, o incremento de vendas a través da web, como atraer visitas, converter as visitas en contactos e os contactos en consumidores”. Tamén se falará da fidelización de clientes, a Web 2.0, e posicionamento en Internet.

PUBLICIDADE