O CESGA recibiu este martes a visita de representantes da Dirección Xeral de Política Rexional da UE

martes, 10 de xullo do 2012 Redacción

Este martes o Centro de Supercomputación de Galicia acolleu a visita de David Sweet, coordinador xeral da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea. A cita inseriuse na segunda edición dos Open Days da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se levan a cabo os días 10 e 11 de xuño en Santiago e Guimarães. Sweet, que estivo no CESGA por desexo expreso (alén do programa específico de actividades previstas), salientou no transcurso da súa visita o potencial de colaboración científica de estruturas como a do centro galego, xerador de colaboracións transfronteirizas estábeis entre os científicos.
Neste senso, cómpre sinalar que o CESGA dá soporte a proxectos comúns como as iniciativas IBERGRID, a rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (que a día de hoxe interconecta á española RedIRIS coa portuguesa FCCN, mediante fibra óptica de alta capacidade) ou proxectos de cooperación coa industria manufactureira como CloudPYME, no que traballan centros tecnolóxicos e asociacións empresariais galegas (AIMEN) e do norte de Portugal (CATIM, AIMMAP).
Sinalar que os Open Days están organizados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) que é unha institución creada pola Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal co obxectivo de promover, reforzar e dinamizar a cooperación territorial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta actuación conta co apoio do Comité das Rexións e da Dirección Xeral da Comisión Europea.
O obxectivo deste evento, sinala o CESGA, é presentar os proxectos e as actividades da nosa Eurorrexión aos máis diversos actores da UE, para promover a investigación e a innovación, o turismo, a cultura e as industrias creativas, así como as iniciativas incluídas nestes temas para promover o crecemento intelixente, sustentable e integrador.

PUBLICIDADE