O CESGA organiza unha xornada sobre tecnoloxías na nube para firmas innovadoras

xoves, 1 de outubro do 2015 Redacción

Ao abeiro do seu proxecto CloudPEME, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), vai organizar a xornada de traballo Cloud para empresas innovadoras, que terá lugar o vindeiro 15 de outubro en Santiago, co obxectivo de “pór en común necesidades e requisitos das PEME que innovan sobre plataformas de cómputo”. Búscase, polo tanto, deseñar mellores infraestruturas de apoio á innovación que contribúan á competitividade dos axentes da nosa contorna. Entre os relatores están Julio Casal (Ficción), Andrés Gómez (Proxecto CloudPEME no CESGA), Guillermo López Taboada (Torusware), ou Marcos Suárez (Qubitia).
Entre os propósitos desta xornada, na que colabora o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), están tamén establecer conxuntamente os principios de deseño óptimos para o desenvolvemento dunha plataforma de cómputo, lanzadeira de propostas de emprendemento que requiran destas infraestruturas, así como difundir os usos, aplicacións e necesidades de cómputo avanzado en contornas empresariais na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.
A xornada está dirixida a empresariado, responsábeis de innovación en empresas, manufactureiras e enxeñarías, spin-offs, start-ups, grupos de investigación, técnicos de proxectos de I+D+i, xestores de innovación en administracións e entes intermedios, OTRIS, clústers, centros e plataformas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE