O CESGA organiza o día 14 un webinar sobre o uso e as potencialidades do Finisterrae II

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) achegará o vindeiro 14 de outubro unha nova oportunidade para que os nosos investigadores e os profesionais científicos e técnologos coñezan os usos e potenciais do computador Finisterrae II. Será un obradoiro con formato en liña (webinar CESGA) a desenvolver en horario de 10.00h a 13.00 horas.
O CESGA informa de que en caso de que o número de asistentes sexa moi elevado programarase unha segunda sesión o xoves día 15 de outubro en horario de mañá de 10:00h a 13:00h.
O taller está dirixido a usuarios noveis ou potenciais usuarios do computador Finisterrae II, co obxectivo de que “coñezan o equipo e aprendan a utilizalo para as súas propias aplicacións ou as que xa están dispoñíbeis”.
O contido da experiencia incluirá unha descrición do supercomputador, un capítulo adicado aos xeitos de acceder aos seus recursos, outro sobre o sistema de colas e un apartado específico sobre as súas aplicacións (software instalado, petición de novo software, uso das aplicacións e execución de traballos simples).

PUBLICIDADE