O CESGA organiza este martes unha conferencia sobre superconductividade
martes, 5 de xullo do 2011
Este martes ás 17.00
horas, o Centro de Supercomputación de Galicia vai desenvolver un encontro
informativo sobre o 100 aniversario da superconductividade na Universidade de
Santiago, unha cita para (entre outras cousas) dar a coñecer os últimos achados
da investigación no eido da Física de Sistemas de Electróns Fortemente
Correlacionados. A xuntanza insírese no marco do Congreso Internacional The New
Generation in Strongly Correlated Electron Systems que se está a celebrar
na USC até o 8 de xullo, contando coa participación de 60 investigadores dunhas
20 nacionalidades.
O relatorio desta tarde
levarase a cabo con feitura de coloquio aberto, pensado e programado para dar
acubillo, tamén, a público non científico.
Contará coa presenza
activa de Julien Bobroff, do Laboratoire CRISMAT, de Francia.
O eixe temático será, como dixemos, o
100 aniversario do descubrimento da superconductividade, “unha das áreas da Física de Sistemas que está a vivir unha enorme
actividade polos últimos descubrimentos nese eido”, informa o CESGA. Trátase
pois dunha oportunidade para xornalistas e divulgadores científicos para
coñecer de primeira man os futuros desenvolvementos neste campo e como
afectarán a tecnoloxía e a industria. Pódese atopar máis
información nunha páxina web específica
xa habilitada, incluíndo un programa completo asi como algunhas actividades
de divulgación.