O CESGA consolida a súa boa sintonía coa supercomputación castelá cun novo acordo

xoves, 28 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de dar un novo e importante paso no seu acopio de alianzas e escenarios de colaboración investigadora. Así nolo conta Fundación que leva o nome do propio espazo de I+D emprazado no Campus de Santiago, que vén de asinar un acordo coa Fundación Centro de Supercomputación de Castela e León (FCSC) que, entre outras cousas, diríxese a dar soporte e contido a convenios previos de investigación establecidos entre os gobernos de ambas comunidades. No acto de formalización desta alianza, desenvolvido na Delegación territorial da Junta de Castela e León, fíxose saber que unha das materias clave onde se proxecta unha máis ampla marxe de participación conxunta é, precisamente, a supercomputación. Ou sexa, o cálculo intensivo con fins sociais, científicos, médicos, meteorolóxicos ou empresariais xerado polos macroordenadores aos que dán acubillo ámbolos centros, destacándose no caso galego o Finisterrae.
No acto de sinatura participaron Antonio Silván (consejero de Fomento de Castela e León e presidente da FCSC), Ricardo Capilla (director xeral de I+D e presidente do CESGA) e máis os dous directores dos devanditos centros de supercomputacuón. Segundo se apunta xa nun eido máis concreto, o convenio implicará a posta en marcha dun plan de formación complementario ao dos centros, un plan conxunto de difusión da computación de altas prestacións así como un plan de mobilidade de investigadores e tecnólogos entre centros. Búscase tamén formalizar un grupo de traballo técnico inter-centros para a optimización de recursos e nivel de satisfacción dos usuarios.
O acordo, froito do Protocolo Xeral de Colaboración entre ámbalas Xuntas, dá contido e soporte para outros acordos previos e específicos en 21 áreas diferentes. Estes achegamentos precedentes materializáronse, por exemplo, nunha iniciativa levada a cabo o pasado mes de outubro entre o CESGA e a FCSC que consistiu na primeira proba de cloud de computación de altas prestacións desenvolvida a nivel internacional entre este tipo de centros españois. Así nos conta as orixes e obxectivos deste traballo conxunto o noso compañeiro Fernando Bouzas dende o propio CESGA: “O grupo Scientist Against Malaria (SAM), solicitou con urxencia capacidade de computación para o crebado virtual dunha quimioteca de máis de 300.000 compostos químicos orixinais, a estudar sobre unha diana terapéutica e logo desenvolver novos fármacos contra o parasito Plasmodium, causante da Malaria”.Deste xeito, e para dar resposta ao reto computacional que se lles expuña no tempo solicitado, e sen prexudicar o traballo dos demais usuarios doscentros, “o CESGA e o FCSCL desenvolveron un Cloud HPC híbrido, utilizando o equipamento de computación e almacenamento distribuído entre ambas as institucións”.
Empregouse o cloud xa desenvolvido para o Proxecto NUBA, no que participa o CESGA, e estendérono ao equipamento do FCSCL. A xestión entre ambos os centros realizouse empregando o software para computación cloud desenvolvido tamén en España, Open Nebula, co que se xestionaron os nodos de ambas as localizacións, despregando máquinas virtuais indistintamente nunha ou outra institución en función de criterios de optimización dos recursos de computación. “Para a conexión dos centros”, explica Bouzas, “empregouse a Rede de Investigación e Académica RedIRIS, que proporcionou o ancho de banda necesaria para a experiencia”. En opinión dos científicos participantes, a colaboración entre ambos os centros demostrouse como un apoio fundamental no desenvolvemento da investigación de grupos internacionais e un paso máis na investigación das tecnoloxías cloud para servizos de computación.
O éxito desta iniciativa conxunta tamén serviu para abrir novos vieiros de colaboración futura, vieiros que se asentaron esta semana co devandito convenio de colaboración asinado ao abeiro do Protocolo Xeral de Colaboración entre ámbalas xuntas en xaneiro de 2010.

PUBLICIDADE