O CESGA colabora na elaboración dun censo estelar da Vía Láctea

xoves, 19 de decembro do 2013 Redacción

Hoxe lanzouse o satélite da misión Gaia que axudará a recoller información sobre cada unha das estrelas da Vía Láctea. Gaia é unha misión da Axencia Espacial Europea que conta cun orzamento de 650 millóns de euros e cuxo obxectivo é xerar un censo das estrelas da Vía Láctea. Aínda que nos poida estrañar a día de hoxe aínda non existe ese censo e facelo é moito máis complicado do que parece xa que se teñen que clasificar ao redor de 1 billón de obxectos.
Para realizar a clasificación das estrelas que observen e necesitarase procesar en paralelo gran cantidade de datos. O CESGA estivo a colaborar cun grupo de investigadores do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial (LIA2) da Universidade da Coruña liderados por Carlos Dafonte e Diego Fustes que participan en Gaia, e que colaboran estreitamente con Ana Ulla, especialista en Astronomía e Astrofísica na Universidade de Vigo no desenvolvemento dun algoritmo de clasificación de estrelas.
O algoritmo foi probado con éxito sobre un catálogo existente de 5 millóns de estrelas dentro da plataforma Hadoop on demand do CESGA. No futuro, este mesmo algoritmo, servirá para procesar a información xerada por Gaia e realizar unha clasificación non supervisada das estrelas da Vía Láctea.

PUBLICIDADE