O CESGA celebrará o Día das Rapazas nas TIC con Laura Martínez, Edita de Lorenzo, Dhaunae de Vir e Lucía Ardao

xoves, 7 de abril do 2022 S. P.

O día 28 de abril de 2022 celebrarase o Día Internacional das rapazas nas TIC, e, unha vez máis, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) será o epicentro das celebracións galegas. O centro compostelán organizará e acollerá un coloquio mediante multiconferencia web na que participarán 4 profesionais galegas que debullarán as súas traxectorias e a natureza das súas actividades profesionais tecnolóxicas. Farano ademais “dun xeito ameno e polo miúdo”, co obxectivo duplo de tender pontes directas coa mocidade que asista por multiconferencia á sesión e de fomentar vocacións (principalmente alí onde máis precisan: entre a as mozas).
Dende os centros educativos de toda a nosa xeografía (conectados ao CESGA por multiconferencia), as rapazas e rapaces de primaria e Secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas relatoras.
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das novas ferramentas informáticas para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Participantes no coloquio

Este ano contarase coas seguintes representantes do panorama tecnolóxico-dixital galego:

-Laura Martínez Calvo é unha licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston).
Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).

-Edita de Lorenzo é profesora titular del Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo.
Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e secretaria da xunta directiva da Asociación PuntoGal, amais de participar na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo.
Tamén é co-fundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.

-Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto.
Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.

-Lucía Ardao é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións.
Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.

PUBLICIDADE