O CESGA celebra os seus 20 anos de actividade encarándose á renovación do seu supercomputador

luns, 16 de decembro do 2013 Redacción

Javier García Tobío, actual director do CESGA, conduciu o acto desta tarde

Esta tarde o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) celebrou o seu XX aniversario nun encontro no Santiago de Compostela no que fixeron un repaso dos logros deste Centro que é un dos motores da investigación e a innovación en Galicia. No acto celebrado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia participaron figuras como o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela Rey; Miguel Ángel Ríos, un dos impulsores do CESGA; o actual responsable do Centro, Javier García Tobío; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; repartíndose durante a celebración un numero especial da revista Código Cero no que se conmemoran os vinte anos de actividade do CESGA.
O presidente da Xunta aproveitou esta oportunidade para dar conta do proceso de actualización do supercomputador Finis Terrae, que terá lugar durante o ano que vén, e que dotará a este equipamento de novas capacidades de procesamento para manter ao CESGA nunha das posicións líderes no ámbito da supercomputación europea.
Este novo proceso anunciado polo presidente galego forma parte, dixo, da “aposta inequívoca” da Xunta polo mantemento do CESGA entre a elite do desenvolvemento tecnolóxico, e que xa deu lugar, este mesmo ano, a un investimento conxunto entre a Xunta e o Estado de 3,7 millóns de euros para poñer en marcha a rede RECETGA-Nova. Segundo indicou, esa foi a chave para “multiplicar por 800 a capacidade da rede científica e tecnolóxica que, co CESGA como núcleo, une universidades, centros tecnolóxicos e empresas galegas”.

O presidente da Xunta destacou que o CESGA renovará o seu supercomputador en 2014, para manterse como locomotora da innovación

Resaltou que co CESGA se puxo en marcha o supercomputador máis potente dos que existían en España hai 20 anos, que activou o núcleo dunha crecente comunidade investigadora que fai uso das súas capacidades de cálculo: desde as universidades ata as unidades do CSIC, pasando polos centros tecnolóxicos ou Meteogalicia.
Ademais, indicou que o Centro de Supercomputación creou o primeiro nodo de conexión á Internet da Comunidade, sendo así “pioneiro no que hoxe é o máis cotián: compartir información e coñecemento con outras persoas en calquera parte do mundo”. E, ao mesmo tempo, abriu a porta “á internacionalización da nosa ciencia”, en tanto que estableceu colaboracións cos grandes centros de investigación, como a NASA ou o CERN de Xenebra, e permitiu involucrarse na identificación do bosón de Higgs ou na loita contra o cambio climático.
Alberto Núñez Feijóo puxo en valor o traballo das 41 persoas que actualmente operan neste centro baixo o mando de Javier García Tobío para, entre outras cousas, “obter o máximo rendemento dun dos mellores supercomputadores de Europa e o segundo mellor de España, como é hoxe o Finis Terrae”.
Segundo destacou o mandatario galego, as cifras arroxan “un máis que favorable balance”, pois só na última década xurdiron do CESGA máis de 2.000 artigos de investigación, 210 teses doutorais e 59 libros ou capítulos de libros. E, neste tempo, albergou 171 proxectos de investigación que mobilizaron 533 millóns de euros. Así mesmo, indicou que os datos do presente son “prometedores”, posto que na actualidade o CESGA dá servizo a 550 investigadores e xestiona unha rede que usan a diario 90.000 persoas, implicadas dalgún xeito na procura de progreso científico que alumeará “sorprendentes e proveitosos resultados”.

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela Rey, participou neste acto conmemorativo
Miguel Ángel Ríos fixo unha retrospectiva do CESGA, relatando os seus inicios
Centos de persoas xuntáronse no CNTG para celebrar os vinte anos dos CESGA
No acto repartíronse exemplares dun número especial da revista Código Cero
<script type="text/javascript" src="//e.issuu.com/embed.js" async="true"></script>


Edición especial de Código Cero dedicado aos 20 anos do CESGA

PUBLICIDADE