O CESGA aproveita a tecnoloxía cloud para loitar contra a malaria

martes, 2 de novembro do 2010 Raquel Noya

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), na súa teima por levar os cálculos matemáticos e as novas tecnoloxías a tódolos eidos posibles da sociedade (facendo especial fincapé naquelo que mellora a calidade de vida das persoas), vén de colaborar activamente nun proxecto virtual para a busca de novos fármacos contra a malaria, unha enfermidade que mata anualmente a preto de 3 millóns de persoas.
O proxecto, no que colabora coa Fundación Centro de Supercomputación de Castela e León (FCSCL), consiste en empregar o cloud de Computación de Altas Prestacións (HPC) entre centros de supercomputación, para dar resposta á solicitude urxente do grupo Scientists Against Malaria, unha organización virtual de investigadores de diferentes disciplinas e pequenas compañías innovadoras que colaboran na busca de novos fármacos contra esta enfermidade.
O traballo enmárcase dentro do Proxecto Europeo do Sétimo Programa Marco SYNERGY, que ten como principar obxectivo “consolidar estratexias de traballo colaborador no campo do deseño de fármacos asistido por ordenador”.
O grupo de investigación do Dr. Hugo Gutierrez de Terán, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, (FPGMX) e membro do Scientists Against Malaria, solicitou realizar, mediante diferentes métodos computacionais, o cribado virtual dunha quimioteca de 350.000 compostos químicos orixinais, a estudar sobre unha diana terapéutica seleccionada para posteriormente desenvolver, a partir dos achados, novos fármacos contra o parasito Plasmodium, causante desta enfermidade.
O obxectivo é, segundo informa o propio doutor,”xerar unha lista de posibles moléculas candidatas para pasar a ensaio biolóxico, empregando de forma paralela dúas metodoloxías independentes de acoplamento ligando-receptor ou Docking”.
O CESGA, segundo informan, para non prexudicar o traballo doutros usuarios do centro e ante a urxencia da solicitude, que requiría gran cantidade de recursos de cálculo, “decidiu desenvolver un cloud computacional híbrido en colaboración co FCSCL”, aproveitando o marco do acordo de cooperación asinado meses atrás entre os presidentes das comunidades autónomas de Galicia e Castela-León.
Esta é a primeira experiencia internacional na que dous Centros de Supercomputación crean un Cloud HPC conxunto utilizando equipamento de computación e almacenamento distribuído entre ambas as dúas institucións.

PUBLICIDADE