O CESGA amosa este venres as posibilidades das tecnoloxías para unha pesca máis sustentábel

xoves, 28 de febreiro do 2013 Redacción

Este venres temos cita en Compostela co coñecemento innovador galego ao servizo da preservación do medio ambiente e a biodiversidade. Máis polo miúdo, coas especies mariñas non prioritarias que se adoitan sacrificar na procura das que si o son. A cita vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e máis os seus socios no proxecto Faros, que van avaliar novas tecnoloxías para optimizar a xestión dos descartes e ferramentas para minimizar a captura de especies non obxectivo. Será no transcurso dunha xornada que terá lugar, como dixemos, este venres 1 de marzo en Santiago, na sede do CESGA.
Segundo informa o centro galego, os investigadores e técnicos que participan nesta iniciativa europea darán conta do sistema BEOS, alta tecnoloxía en visión artificial aplicada a buques de pesca; do sistema Red Boxes para a transmisión dos datos dos barcos aos portos e, finalmente, do xeoportal de descartes posto en marcha no seo deste proxecto para por en contacto á flota que os xera coas empresas que os valorizan. Esta xornada, organizada polo CESGA, dará comezo ás dez da mañá e finalizará a mediodía cunha mesa redonda.
Xunto á Fundación CESGA participan no proxecto Faros, o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, que coordina esta iniciativa, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Autoridade Portuaria de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal. Financiado pola Unión Europea a través do programa Life, este proxecto ten, como dixemos, o obxectivo xeral de desenvolver e posta en marcha dunha rede integral cara á xestión dos descartes da pesca baseada nun sistema global de información tanto na flota como en terra e que implique a todo o sector pesqueiro. Os seus socios, que contan ademais coa colaboración das empresas Marexi e ASM, levan traballando conxuntamente dende 2010. Os resultados definitivos presentaranse a finais do mes de marzo nun novo evento na sede do CETMAR.

PUBLICIDADE