O CESGA acolle este xoves 27 a 11ª edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

Este xoves 27 de abril as tecnológas galegas (presentes e futuras) toman a palabra. Farano no marco da undécima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), encontro encamiñado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é o lugar elixido para levar a cabo este evento, que se celebra de 10:45 a 19.00 horas, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade e o dito CESGA, dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

Carmela Troncoso

O acto será inaugurado pola directora de GAIN e presidenta do CESGA, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Esta actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistirá nunha multiconferencia web, que se retransmitirá por streaming, na que participarán profesionais galegas que contarán a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode achegar en diversos eidos para mellorar a vida. Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro senlleiras tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías: Mariamo Mussa Juane (Física e traballadora do CESGA), Esther Medina (Enxeñeira de Telecomunicacións e xefa de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG), Alba Meijide (licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, é consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial para empresas) e Carmela Troncoso (Enxeñeira de Telecomunicacións galega e profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, dirixe o Laboratorio SPRING).

Alba Meijide

Dende os centros escolares, as rapazas e rapaces poderán enviar as súas preguntas en directo para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas convidadas. Asemade, de xeito presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes realizará unha visita guiada ao supercomputador Finis Terrae III e participarán nun obradoiro tecnolóxico.
Xa pola tarde, poñeranse en marcha outros obradoiros tecnolóxicos dirixidos a rapazas e rapaces de entre 10 a 16 anos, presentados por un grupo de mozas galegas, 5Girls4Techno, gañadoras dun premio internacional por crear a mellor APP europea en Technovation Girls o pasado ano. Alén disto, pola tarde haberá xogos e visitas guiadas ao supercomputador FinisTerrae III.

Esther Medina

Engadir que dende 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting
Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras nas TIC na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.
Para máis información sobre esta xornada cómpre visitar a web do departamento de eLearning do CESGA (e-learning.cesga.es).

PUBLICIDADE