O CESGA achega a empresas e institucións o seu novo servizo de Machine Learning

martes, 1 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

Os horizontes das nosas empresas teñen ao seu favor para espallarse grazas ás tecnoloxías do que se coñece como Machine Learning, que son os sistemas e recursos que fan que as máquinas teñan capacidade de xestionar e tomar decisións en base a grandes cantidades de información procesada. Se hai un referente en ML na nosa terra é o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA. Dalgunha maneira, caída de caixón: o centro acubilla tal experiencia con máquinas de cálculo avanzado, que o factor intelixencia nas mesmas só era cuestión de tempo. Ao fío disto, o CESGA vén de lembrarnos as posibilidades destas tecnoloxías para as institucións e as empresas, ao mesmo tempo que fortalece o seu apoio á comunidade de Machine Learning cun novo servizo para institucións e empresas.
Segundo nos contaba o propio centro na súa xornadas sobre ML do pasado mes de outubro, o ámbito Machine Learning é en certa maneira o caldo de cultivo do futuro. O punto de inflexión está marcado polo seguinte: a aparición de algoritmos e sistemas que son quen de “entender” a información. Canto máis medre esta, meirande e máis afinado será o entendemento.
Respecto das vantaxes concretas para estas entidades, o CESGA salienta que son aplicábeis a todo tipo de sectores (dende TIC á industria manufactureira) e que permiten cousas como a análise de vídeos en tempo real para extraer información útil, a identificación de obxectos en imaxes ou o procesado de series temporais para coñecer as posibilidades de que unha máquina falle en datas vindeiras. “As posibilidades son innumerábeis”, lembra.
Con todo, o CESGA tamén fai saber que as técnicas máis modernas (como o chamado Deep Learning) precisan dunha gran capacidade de computación. Esta pódese obter tanto polo uso simultáneo de moitos procesadores ou utilizando GPU, pero o emprego dun só computador “limita moito as posibilidades, tanto nos tamaños dos modelos como na procura dos parámetros axeitados destes”. Por este motivo, o CESGA quere apoiar a empresas, institucións e investigadores no seu traballo de definición de algoritmos de Machine Learning poñendo á súa disposición as capacidades computacionais do Finis Terrae II.
Nun plano máis concreto, o novo servizo de Finis Terrae II para Machine Learning inclúe a dispoñibilidade das contornas de desenvolvemento de ML máis utilizadas pola comunidade, adaptadas á arquitectura do computador para obter o máximo rendemento. Así, están dispoñíbeis Tensorflow, Caffee, Torch, Theano, Caffe2 e CNTK. Ademais do acceso a estas contornas, o persoal de soporte do CESGA pode axudar a empresas e entidades na execución eficiente dos seus procesos de adestramento de novos modelos. “A infraestrutura”, explica o centro, “compleméntase co acceso compartido dunha gran capacidade de almacenamento (de centenares de TBs) para ter acceso a todos os datos necesarios para o adestramento”.
E engade o CESGA: “Grazas ás capacidades computacionais do Finis Terrae II, é posíbel desenvolver modelos de Deep Learning máis complexos e competitivos, acelerar o seu adestramento, realizar procuras dos modelos que mellor se axusten aos seus datos, ou atopar os parámetros que permiten un adestramento máis eficaz, e todo iso nunha contorna rápida e eficaz”.

PUBLICIDADE