O CEIP plurilingüe de Vilar de Barrio sumarase ao proxecto Samsung Smart School

luns, 15 de setembro do 2014 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse esta semana co director do departamento de Public Affairs & Corporate Citizenship de Samsung, Francisco Hortigüela, para pechar os detalles da implantación en Galicia da iniciativa Samsung Smart School, en concreto no CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio (Ourense). Ao propoñer este colexio para a implantación do programa o departamento educativo da Xunta de Galicia reitera o seu compromiso co rural, favorecendo a chegada aos seus centros educativos das novas tecnoloxías e do ensino plurilingüe. Proba diso é que este mesmo CEIP pertence á Rede de Centros Plurilingües desde o curso 20103-2011 – o primeiro de posta en marcha da iniciativa-, tendo así á súa disposición un auxiliar de conversa nativo.
No encontro participaron, ademais, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; María Sánchez Vargas, do departamento de Public Affairs & Corporate Citizenship de Samsung; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; e Javier Valiente, consultor de Samsung Electronics. A xuntanza serviu tamén para abordar posibles novas vías de colaboración entre a compañía e a Consellería no eido educativo.

Dotación tecnolóxica

O CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio será un dos 52 centros educativos de todo o Estado español que participen neste proxecto de aplicación didáctica das tecnoloxías, ao abeiro do convenio asinado pola compañía e o Ministerio de Cultura, Educación y Deporte. O obxectivo do proxecto é impulsar a aprendizaxe do alumnado a través das novas tecnoloxías, centrándose na ruptura da fenda dixital, nos casos de centros que se vexan afectados por circunstancias desfavorables como o feito de estar situado no rural, ter unha alta taxa de abandono educativo temperán ou contar cun entorno económico cunha alta ratio de desemprego. Así mesmo, promóvese a implantación desta iniciativa en centros que teñan alumnas e alumnos de educación especial. A iniciativa desenvolveras nos cursos de 5º e 6º de Primaria durante o curso 2014/2015 e ten previsto chegar a máis de 1.000 alumnas e alumnos e a uns 200 docentes.
A implantación do Samsung Smart School no CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio suporá a instalación no centro de 2 aulas con cadanseu tablet por profesor. Ademais cada estudante terá o seu propio tablet, que terá instalado software de Xestión de Aula (Samsung School)+ MDM de xestión remota, e incorporará o espazoAbalar e as aplicacións educativas das que dispoña o Ministerio. A dotación completarase con 2 carros de carga e seguridade e con 2 dispositivos para a proxección sen fíos desde tablets.

Formación do profesorado e avaliación

O proxecto leva consigo ademais un programa de formación do profesorado que combina as modalidades en liña e presencial. Así, durante o primeiro trimestre deste curso o profesorado implicado realizará un curso a través do que deseñarán un proxecto para empregar a tecnoloxía Samsung co alumnado. A partires dese momento, Samsung ofrecerá no propio centro 7 sesións presenciais de formación técnica e sobre a aplicación pedagóxica das ferramentas.
Ao longo do programa mediranse tanto a aceptación e o uso da tecnoloxía como a incorporación de dinámicas colaborativas e o uso de contidos para a elaboración dunha avaliación final da que se extraerán pautas coas que se elaborará o Libro Blanco de la Smart Education en España, destinada a ser unha guía para os centros que desexen incorporar este tipo de tecnoloxía nas súas aulas.

PUBLICIDADE