O CDTIC celebrará un ciclo de obradoiros de realidade virtual para PEME

xoves, 22 de novembro do 2012 Redacción

O Centro Demostrador TIC acollerá a vindeira semana un ciclo de Obradoiros de Capacitación sobre Realidade Virtual para PEME organizado pola entidade pública Red.es en colaboración coa Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A asistencia é de balde condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través da páxina web do Centro Demostrador TIC.
O primeiro dos obradoiros, Aplicacións da realidade virtual e a realidade aumentada na empresa terá lugar o 26 de novembro de 10:00 a 14:30, está dirixido a directivos xerentes, directores de proxecto, xefes de oficina técnica e directores comerciais. Este seminario comezará cunha charla maxistral impartida polo recoñecido experto nacional e internacional Miguel Motos, director do Area de Realidade Virtual, 3D e Simulación da empresa Ingevideo, S.A. A continuación presentaranse as diversas aplicacións e posibilidades que ofrece a Realidade Virtual e Aumentada na fabricación industrial, na construción, no turismo, formación ou sanidade.
O resto dos obradoiros, de carácter máis técnico, están dirixidos a profesionais dos sectores TIC, industrial, arquitectura e deseño, retail, audiovisuais e comunicación. A través destas sesións proporcionarase coñecementos básicos nas tecnoloxías de realidade aumentada e realidade virtual: que son, para que serven, como é a creación de contidos, cal é o uso básico do motor de renderizado en tempo real UNITY3D e de que ferramentas de software libre dispoñemos. A programación dos seminarios é a que segue:
- Introdución a xeración de aplicacións de Realidade Virtual, martes 27 de novembro de 10:00 a 14:30
- Creación de contidos 3D para Realidade Virtual, mércores 28 de novembro de 10:00 a 14:30
- Realidade Virtual na web. UNITY3D, xoves 29 de novembro de 10:00 a 14:30
- Xeración de aplicación de Realidade Aumentada, venres de novembro de 10:00 a 14:30

PUBLICIDADE